Compartir:


 A sala de exposicións do Auditorio acolle a partir do venres, 13 de abril a mostra fotográfica dos traballos presentados a concurso na última Maratón Fotográfica pola Igualdade organizada pola Área de Igualdade da Concellería de Traballo e Benestar con motivo do Día Internacional da Muller.

A exposición componse das 132 fotografías realizadas polos 34 concursantes e o dous premios establecidos no certame faranse públicos e entregaranse no acto inaugural, o venres ás sete e media da tarde. As fotografías tomadas polos concursantes versan sobre catro temas seleccionados o día no que se celebrou a Maratón e que foron Sororidade, Emprego e Traballo: teñen emprego todas as mulleres que traballan? Homes e Mulleres rompendo estereotipos e Non ogros non princesas.

O certame conta con dous premios para as dúas mellores fotografías. O primeiro premio está dotado con 400 euros e o segundo con 200. O xurado que avaliou os traballos estivo composto polo fotoxornalista de Faro de Vigo, José Luiz Oubiña; pola presidenta da Asociación de Mulleres separadas, Berta Melio Rodríguez; polo director da Área de Comunicación Social do Concello, manuel Villaronga e pola concelleira de Educación, Rocío LLovo.

 A IV Maratón Fotográfica deste ano foi a máis participativas das que se teñen celebrado en canto a número de participantes. Ademais, o abano de idades dos concursantes tamén foi moi amplo xa que o máis novo tiña 13 anos e o maior 63. Con este certame, organizado dende o Centro de Información á Muller (CIM) trátase de sensibilizar a poboación e de chamar a atención a través da disciplina artística da fotografía sobre situacións de discriminación por motivo de xénero e en favor da igualdade no ámbito laboral.
 
Top