Compartir:
O RESTAURADOR IÑAKI BRETAL COCIÑARÁ ANTE OS CLIENTES DA PRAZA DE ABASTOS NO SHOW COOKING QUE SE CELEBRARÁ O MARTES

O cociñeiro preparará en vivo e en directo un menú elaborado cos produtos do día que ofrezan ese día os praceiros

O tótem coas receitas suxeridas polos vendedores tamén se poderán consultar no tótem telemático que se instalará na sala a través da campaña "Cociña de Mercado"

A campaña "Cociña de mercado" regresa o vindeiro martes á Praza de Abastos de Vilagarcía coa celebración dun show cooking protagonizado polo restaurador Iñaki Bretal. O cociñeiro do restaurante Eirado da Leña, de Pontevedra, montará a súa cociña la sala de abastos para preparar ante clientes e vendedores un completo menú elaborado con produtos do día que ofrezan ese día os praceiros.

O espectáculo de cociña en directo celebrarase o martes 11 de decembro a partir das once da mañá no interior da Praza de Abastos. A actividade, enmarcada na campaña que promove a Deputación coa colaboración do Concello, ten como obxectivo promocionar os mercados como lugares con tradición e de confianza, dar a coñecer a calidade dos produtos que se venden nelas, e atraer novos perfís de consumidores.

Para este show cooking montarase un stand na zona de conexión entre as dúas alas novas da Praza no que se recreará unha cociña. O espectáculo comezará cun paseo do cociñeiro pola sala de ventas para elixir aqueles produtos frescos que utilizará na preparación do menú. Para elo recorrerá aos postos de peixe, mariscos, carne, verduras, hortalizas, queixo, pan e demais. O cociñeiro disporá pois dunha ampla e variada oferta de produtos de calidade para meter na súa particular cesta da compra. A continuación, Iñaki Bretal procederá á preparación, paso a paso, dos pratos, tarefa que poderán ver todos os clientes da praza e que o cociñeiro completará coas correspondentes explicacións.

Ademais de gozar deste espectáculo culinario e gastronómico, os usuarios da Praza de Abastos tamén disporán a partir do martes do tótem telemático que se instalará dentro desta mesma campaña promocionar e no que poderán consultar e imprimir as receitas suxeridas polos propios praceiros para a elaboración de primeiros e segundos pratos e ata sobremesas, cos produtos que se poden atopar a diario nos seus postos de venda; así como algúns consellos de preparación, conservación ou limpeza dos mesmos.
 
Top