Compartir:
FIRMA NO AL CIERRE
Os representantes explicaron que a planta de Vilaxoán non é sostible se non se incrementa a produción, algo fisicamente imposible nesas instalacións

O traslado non ten marcha atrás e o Concello queda sen marxe de manobra para provocar a negociación

Fole recoñece que é unha mala noticia para Vilagarcía, pero valora positivamente que se manteñan os postos de traballo

O rexedor ofreceu toda a colaboración do Concello a futuros plans da empresa que pasen por poñer en marcha algunha actividade produtiva en Vilaxoán

O alcalde, Tomás Fole, e a concelleira de Traballo e Benestar, Elena Suárez, recibiron esta tarde no Concello a dous representantes de Conservas Garaville, o grupo propietario da empresa Cuca, co obxectivo de coñecer de primeira man os plans que a firma vasca ten para a planta emprazada en Vilaxoán. O encontro deixou un sabor agridoce nos membros do goberno local xa que se constatou a firme decisión do grupo conserveiro a trasladar a actividade de Cuca á planta que teñen no Grove. A parte positiva é que os representantes de Garaville garantiron que se conservará o 100% da plantilla , a marca "Cuca", tan ligada a Vilaxoán e tamén a totalidade dos postos de traballo indirectos que xeraba a conserveira no municipio.

Os dous portavoces de Garaville que acudiron ao encontro en Ravella foron José Manuel Banco, director de operacións do Grupo Conservas Garaville, e Jesús Crusat. Segundo lle explicaron aos membros do goberno local, a decisión do traslado corresponde a unha estratexia empresarial necesaria para poder manter a marca "Cuca", a liña de conservas de alta gama coa que conta o grupo. Cando no seu momento Garaville adquiriu Cuca fíxoo coa intención de complementar a súa liña de produtos engadindo unha marca "gourmet" e Cuca, ademais de contar cunha grande tradición estaba moi ben implantada no mercado. Sen embargo, na actualidade, para poder soster a marca, a conserveira precisa incrementar a súa produción, unha medida que non é posible desenvolver nas instalacións de Vilaxoán debido á falta de espacio.

A intención de Garaville non se limita a conservar a marca, senón a potenciala, de aí que opte por trasladar toda a actividade ás súas instalacións do Grove, onde si contan con espacio máis que suficiente para instalar unha nova e máis grande liña de produción de Cuca. Dado que xa dispoñen do espazo, o investimento a realizar polo grupo conserveiro é menor, máis tendo en conta que aproveitarán parte da maquinaría da que dispoñen agora en Vilaxoán.

Segundo lle comunicaron ao alcalde, o grupo non ten interese algún en desenvolver urbanisticamente os terreos de Vilaxoán, co que o Concello quédase sen marxe de manobra para poder negociar dalgún xeito o mantemento da planta no municipio. Non obstante, o rexedor ofreceulles aos representantes de Conservas Garaville a total colaboración do Concello en futuros plans da empresa que pasen por implantar algún tipo de actividade produtiva en Vilaxoán, como se desexa dende o Concello.

Pese á "mala noticia" que supón a decisión irrevocable traslado, os membros do goberno quixeron transmitir certa tranquilidade ás traballadoras e aos provedores de Cuca, xa que os representantes da conserveira garantiron que manterán todos os postos de traballo directos, pero tamén os indirectos, xa que continuarán traballando cos cocedeiros e provedores que tiñan en Vilagarcía, así como con empresas como Lantero ou Ardagh.
 
Top