Compartir:
FIRMA NO AL CIERRE

O alcalde aproveitou a visita da conselleira a Vilagarcía o sábado para expoñerlle a súa preocupación polo plan de traslado e a repercusión para Vilagarcía e os sectores productivos

Fole tamén contactara con Industria e o Igape para explorar posibles vías de negociación que eviten que Vilaxoán perda a Cuca

A Consellería do Mar intervirá no conflito xurdido tras coñecerse os plans do grupo Garaville de prescindir da fábrica de Cuca en Vilaxoán e trasladar a actividade á planta que posúen no Grove. A decisión adoptouna a titular do departamento autonómico, Rosa Quintana, este sábado tras as xestións realizadas polo alcalde, Tomás Fole, aproveitando a visita que a conselleira fixo a Vilagarcía para participar nun acto na Autoridade Portuaria ao que tamén asistiu o director xeral, Juan Maneiro Cadillo. Responsables da Consellería convocarán esta semana sendas reunións coa empresa e cos representantes dos traballadores para abordar o asunto.

Tal como se comprometera ante os responsables sindicais e a representación das traballadores de Cuca, o alcalde, expuxo á conselleira de Pesca a súa preocupación polo plan de traslado de Cuca pretendido polo grupo Garavilla e polas repercusións negativas que esta medida pode ter na economía local de Vilagarcía, así como no conxunto dos sectores conserveiro e acuícola galegos. Fole comentoulle á Quintana as diferentes versións do plan de traslado expostos polos representantes de Garavilla por un lado, e dos traballadores de Cuca polo outro, nas xuntanzas que mantiveron a semana pasada en Ravella.

Aparte das contradiccións detectadas sobre aspectos claves como a inviabilidade de Cuca en Vilaxoán por non poder ampliar a producción, as garantías de mantemento dos postos de traballo e sobre as de conservar a marca Cuca; as entrevistas puxeron de manifesto os temores de que o traslado puidese ocultar outros intereses, como a desaparición final da liña de produción gourmet da marca Cuca para dedicarse á elaboración de marcas brancas de menor calidade e á introdución de materia prima foránea.

Segundo explicou o alcalde, a conselleira de Mar non dubidou nin un segundo á hora de decidir intervir no asunto, non só polo dano que se lle pode causar á plantilla de Cuca e á economía de Vilagarcía, senón tamén para tratar de aclarar a repercusión que o traslado conlevaría para as políticas estratéxicas de sectores tan importantes para a economía galega como son o conserveiro e o marisqueiro. Compre lembrar que o grupo Garaville recibiu subvencións da Consellería de Mar ligadas exclusivamente á fábrica de Cuca en Vilaxoán e que o departamento autonómico tería que revisar de trasladarse a actividade a outro municipio e no caso de que non se conserva a senlleira marca.

O alcalde tamén ten previsto contactar esta semana con responsables da Consellería de Industria e do Igape para expoñerlles a situación, a efectos de explorar tamén a través de este departamento, posibles alternativas que eviten que Cuca se vaia de Vilaxoán.

Fonte: Prensa concello

FIRMA NO AL CIERRE
 
Top