Compartir:
0
A FUNDACIÓN CLAUSURA PROVISIONALMENTE OS CAMPOS DE HERBA NATURAL ANTE NOVOS CASOS DE LESIÓNS NA PEL

Técnicos do Concello e da empresa de mantemento, xunto cos concelleiros de Deportes e Seguridade Cidadá inspeccionaron os terreos de xogo

A priori, os técnicos apuntan á elevada concentración de cal usado para pintar as liñas do campo como posible causa das incidencias xa que o produto é o mesmo de sempre

A Fundación consulta coa Federación e coa Deputación sobre posibles casos similares e recomendacións ao respecto

A presidenta da Fundación mantense en contacto cos clubs para coñecer a evolución dos xogadores lesionados

O Arosa, Arousana e Os Ingleses deberán adestrar noutros campos mentres non se solucione o problema


Vilagarcía, 10 de febreiro de 2014.- A presidenta da Fundación de deportes, Elena Suárez, ordenou esta mañá a clausura temporal dos campos de herba natural da Lomba e de Fontecarmoa. Trátase dunha medida de precaución tras as novas lesións que sufriron xogadores de Os Ingleses no partido xogado o sábado en Fontecarmoa, quince días despois de que se deran os primeiros casos entre xogadores do Arosa tras un partido na Lomba. Responsables do equipo de goberno e técnicos do Concello e da empresa de mantemento inspeccionaron esta mañá os dous campos para tratar de descubrir as causas dos incidentes. A priori, os indicios apuntan a un exceso de cal utilizado polos clubs para pintar as liñas do terreo de xogo e que estas non se borren coa chuvia. Non obstante, a Fundación consultará coa Federación Galega de Fútbol e coa Deputación sobre posibles casos similares.

Suárez Sarmiento puxo de manifesto a súa preocupación polas lesións sufridas polos xogadores e explicou que garantir o seu benestar é o primeiro, razón pola cal se adopta o peche provisional dos campos ata que se dea coa causa e solución das incidencias.

Para isto, a concelleira desprazouse esta mañá ata Fontecarmoa e A Lomba para inspeccionar os terreos de xogo xunto cos técnicos da Fundación, a Enxeñeira e o responsable da empresa de mantemento, o responsable de Emerxencias e o concelleiro de seguridade Cidadá. En primeiro lugar comprobouse que a cal apagada que se usou nas últimas semanas é a mesma que se viña utilizando sempre, ao igual que os métodos de pintado.

Na inspección comprobouse que a maior parte das liñas pintadas en ámbolos dous campos eran perfectamente visibles pese a que a celebración de ámbolos dous partidos transcorreran día e medio no caso de Fontecarmoa e case 24 horas no da Lomba, e a pesares da cantidade de choiva caída nese tempo. Isto foi posible debido á excesiva acumulación de cal nas liñas que, en puntos acadaba os tres centímetros de grosor. O exceso de cal tamén se evidenciaba no estado no que se atopa a herba nas zonas polas que pasan as liñas, queimada e practicamente inexistente na súa maior parte. A mestura da cal coa area nestas zonas podería ser a causa das lesións dos xogadores ao entrar en contacto a cal con rozaduras ou feridas.

Aínda a todo, a Fundación tiña previsto contactar coa Federación Galega de Fútbol e cos servizos técnicos da Deputación para consultar con eles sobre o asunto e pedirlle recomendacións ao respecto.

Entre tanto, a Fundación reorganizará os horarios de uso de outras instalacións municipais para que dos tres equipos afectados polo peche temporal dos campos (O Arosa e o Atético Arousana, e Os Ingleses), poidan adestrar sen problema.

A presidenta da Fundación reúnese esta tarde coa directiva de Os Ingleses. Dado que a entrevista previamente concertada co Arosa non será ata o venres, tamén lles comunicará esta tarde as decisións adoptadas, ao igual que fará co Arousana.


LISTA DE DISTRIBUCIÓN: http://www.vilagarcia.es/gabinete

Publicar un comentario Disqus

 
Top