Compartir:
0
EDUCACIÓN ADXUDICA A REFORMA DA CUBERTA DO PAVILLÓN DO CEIP AREALONGA-A LOMBA DE VILAGARCÍA DE AROUSA

Os traballos permitirán poñer fin ás filtracións de auga, mellorar os aleiros e cambiar os caneiros

Estes traballos suporán un investimento de 60.000 euros

Vilagarcía, 14 de febreiro de 2014.- A Xefatura Territorial de Cultura e Educación da Delegación da Xunta en Pontevedra acaba de adxudicar a obra de reforma da cuberta do pavillón que comparten os colexios Arealonga e A Lomba en Vilagarcía de Arousa. A actuación incluirá a mellora dos aleiros por un por un importe de 60.000 euros provenientes dos orzamentos propios da Xefatura Territorial de Cultura e Educación en Pontevedra (RAM).

O xefe territorial, César Pérez Ares, informou que esta obra foi priorizada pola Unidade Técnica deste departamento tendo en conta a situación do pavillón e a demanda da comunidade educativa e da concellería de Educación de Vilagarcía de Arousa.

Segundo o informe da Unidade Técnica, a cuberta deste pavillón foi executada no seu día con chapa simple e os caneiros interiores estaban feitos con chapa galvanizada. "Esta situación provocou que os excrementos dos animais, en especial das gaivotas, especialmente corrosivos, oxidaran a chapa e permitiran o acceso da auga ao interior do edificio, facendo imposible o seu uso en determinados momentos do ano".

A obra que se realizará ao longo do presente ano, consistirá na colocación da cuberta con panel sandwich de maior espesor e o cambio de caneiros de baixantes de evacuación de augas pluviais

Pavillón de Rubiáns

En relación a outro pavillón educativo no concello de Vilagarcía de Arousa, Pérez Ares quixo tamén recordar que nos pasados días mantívose unha reunión co director do CEIP de Rubiáns, Santiago Penas, e a concelleira de Educación do municipio, Rocío Llovo, co obxectivo de analizar os problemas que sufre esta construción.

No caso do centro de Rubiáns, as principais demandas céntranse no illamento térmico do edificio así como a mellora do actual ximnasio. Segundo apuntou César Pérez Ares, estas obras estanse a avaliar nestes intres e dependerán do informe técnico e económico. "En calquera caso, o concello xa se comprometeu a colaborar con nós nas reformas que se leven a cabo neste centro", explicou o xefe territorial.

"Somos coñecedores da situación do pavillón de Rubiáns, pero temos que recordar que esta obra foi executada a partir do peche dunha antiga pista deportiva, motivo polo cal non nos estraña que estean a ter goteiras. A obra non foi executada pola Consellería de Educación e, por tanto, non se nos pode achacar a culpa dos problemas que agora sufre a cuberta", engadiu Pérez Ares. "A pesar do anterior, estamos a traballar para buscar unha solución a este asunto. Nestes intres, a nosa unidade técnica está a realizar un informe técnico sobre os problemas que afectan a este pavillón".
O responsable de Educación destacou finalmente a colaboración do Goberno local de Vilagarcía "en temas relativos ao mantemento e mellora dos centros, como a reforma de diferentes baños nos centros de Arealonga e Rubiáns que acabamos de executar. É un exemplo de cómo, co bo entendemento entre administracións, pódese executar obras necesarias neste tempo de crise", recordando que dende 2009, a Xunta de Galicia investiu case 1.200.000 euros nos diferentes centros educativos da capital arousana.

Publicar un comentario Disqus

 
Top