Compartir:
0
O REGRESO DE CUCA A VILAXOÁN, PENDENTE DA RESPOSTA DA XUÍZA


A empresa informou aos voceiros que dan por executada á sentenza e que así se llo argumentaron nun escrito ao xulgado

Os representantes da Corporación visitarán a vindeira semana as instalacións de Vilaxoán en espera de coñecer a última palabra da autoridade xudicial

O Concello pon todos os seus medios á disposición de Garavilla para facilitar a volta da actividade fabril ás instalacións do Castelete


Vilagarcía, 21 de febreiro de 2014.- A comisión municipal para abordar a problemática do traslado de Cuca mantivo hoxe un longo encontro cos responsables do grupo Garavilla a efectos de coñecer os plans que a empresa ten para executar a sentencia que declarou non procedente o traslado da conserveira de Vilaxoán ás instalacións de O Grove. Segundo lles explicaron ao alcalde e aos voceiros municipais, a empresa da por executado o fallo xudicial co pago de indemnizacións e o sistema de ficha diaria do persoal en Vilaxoán e posterior traslado ao Grove para desenvolver a súa actividade. Esta situación non é a desexada nin por o comité de empresa nin pola Corporación, que esperará á resposta da autoridade xudicial para adoptar as medidas que correspondan, xa que a sentencia é firme ao non terse recorrido.

Mentres, a vindeira semana xa teñen programada unha visita ás instalacións sitas no Castelete acompañados por responsables do grupo empresarial.

O alcalde e os voceiros de PP, PSOE, BNG e IU tivéronse que desprazar ata as instalacións de Garavilla no Grove para manter a xuntanza cos responsables da firma, despois de que a semana pasara fixeran outro tanto co comité de empresa e representantes das traballadoras afectadas polo traslado. O encontro prolongouse durante tres e horas e media, xa que comezou cunha visita guiada á conserveira.

Segundo comentou o alcalde, Tomás Fole, equipo directivo e técnico da conserveira tratou de expoñerlles aos edís as razóns organizativas, económicas e de productividade que propiciaron a concentración de todo o grupo conserveiro nas instalacións do Grove, argumentando que se seguían a realizar os mesmos traballos que se facían en Vilaxoán coa marca Cuca cos mesmos criterios de calidade, e que a concentración melloraba as ratios de produción, productividade e rendemento da firma á vez que minoraba os custes. Ademais, alegaban que as condicións de traballo e horarios das operarias de Vilaxoán non variaran.

Según lles expuxeron aos membros da comisión, Garavilla entende que a sentenza foi executada e así llo argumentaron nun escrito ao xulgado que emitiu a sentenza. A cuestión está agora en saber si a xuíza acepta estes argumentos, resposta que a comisión espera que se produza con brevidade. Do sentido da mesma dependerán as decisións ou accións que acorde tomar a Corporación.

Hipóteses

En calquera caso, na hipótese de que a xuíza admita a solución da empresa, o alcalde preguntou aos representantes de Garavilla si nese caso se sentarían de novo a negociar coas traballadoras a fin de chegar a un acordo que puxese fin ao conflito, comprometendo os empresarios a súa completa disposición.

Fole tamén abordou a hipótese de que a xuíza non dea por válida a solución de Garavilla e ordene acatar a sentenza nos termos de que a actividade regrese á planta de Vilaxoán coas traballadoras trasladadas ao Grove. Neste caso, o alcalde ofreceu a absoluta colaboración do Concello para facilitar as labores de traslado da maquinaria ás naves do Castelete e para que a actividade poida retomarse coa maior brevidade.


LISTA DE DISTRIBUCIÓN: http://www.vilagarcia.es/gabinete

Publicar un comentario Disqus

 
Top