Compartir:
0
PROGRAMA DE CONVERSA EN INGLÉS "WHAT'S UP"

Trinta mozos de 16 a 35 anos poderán participar nas clases de conversa que se celebrarán de marzo a xuño

Un profesor nativo impartirá as sesións orientadas á mellorar as posibilidades de éxito no eido laboral

As empresas nacionais cada vez demandan máis persoal que domine a lingua inglesa e o seu coñecemento resulta útil para fomentar o turismo internacional na zona

A taxa é de 20 euros para traballadores e 10 para desempregados e estudiantes

Vilagarcía, 15 de febreiro de 2014.- A Concellería de Xuventude pon en marcha en marzo unha nova acción formativa tendente a aumentar as posibilidades de emprego da mocidade de Vilagarcía. Trátase do programa "What's Up" a través do cal 30 persoas poderán mellorar as súas habilidades comunicativas en lingua inglesa mediante a participación nun curso de conversa que impartirá un profesor nativo e que de desenvolverá de marzo a xuño. A cota de participación é de 20 euros para traballadores e 20 para desempregados e estudantes. O prazo de inscrición ábrese o 24 de febreiro.

Con esta iniciativa, a concellería que dirixe Sandra García Roma pretende facilitar á mocidade a apertura de novos camiños no mundo laboral, nun momento no que o dominio de varias linguas supón un instrumento básico para a mellora das posibilidades de inserción laboral ou mellora de emprego, xa que debido á intensificacións das transaccións comerciais, cada vez son máis as empresas nacionais que demandan traballadores con coñecemento de idiomas, especialmente de inglés; ademais da utilidade que o coñecemento desta lingua ten para o sector turístico local de cara á unha maior internacionalización da súa clientela.

Coas clases de conversa "What's Up" preténdese reformar e ampliar os coñecementos de inglés para que os alumnos poidan comunicarse axeitadamente. A través do curso, os alumnos poderán perfeccionar a súa competencia lingüística, coñecer e utilizar correctamente o ritmo, entonación e acento nunha conversa, adquirir os coñecementos básicos sobre os verbos en inglés e aprender vocabulario útil para o día a día, así como memorizar as expresións máis comúns usadas para falar de pertenzas ou cantidades.

O curso combinará aspectos teóricos e prácticos e será impartido por Ian Barry, profesor que exerceu en varios colexios de Irlanda, así como co colexio Peñarredonda da Coruña e no Chester College de Santiago.

As clases impartiranse no seminario numero 1 do Auditorio un día á semana en sesións de hora e media de duración e en horario de tarde para facilitar a asistencia das persoas que estuden ou traballen. Ao remate do curso os alumnos someteranse a unha avaliación para obter o certificado de aproveitamento.
As persoas interesadas en participar no programa de conversa "What's Up" deberán presentar a solicitude de inscrición entre o 24 de febreiro e o 3 de marzo no rexistro xeral do Concello. As bases e o formulario de inscrición poderanse consultar e imprimir no taboleiro de anuncios da web municipal www.vilagarcia.es ou solicitar na OMIX, situada no Concello.


LISTA DE DISTRIBUCIÓN: http://www.vilagarcia.es/gabinete

Publicar un comentario Disqus

 
Top