Compartir:
0
PORTAVOCES MUNICIPAIS REUNIRANSE COS ARQUITECTOS E OS AVOGADOS DO CONCELLO PARA TRATAR SOBRE A DEMANDA DE PORTO REY

- O goberno local rexeita a demanda do que fora director xeral de Urbanismo de Madrid, que pide 1,6 millóns de euros por unha parcela

- Porto era propietario dos terreos sobre o que se levantaron catro edificios fronte á estación

- Os edificios, deseñados por el, só podían obter licencia se daban a vía pública, que agora reclama como súa

Vilagarcía, 12 de febreiro de 2014.- O alcalde de Vilagarcía, Tomás Fole, volverá a reunir a vindeira semana a todos os portavoces políticos do Concello pero desta volta cun asunto único na orde do día: a demanda que o arquitecto Enrique Porto Rey interpuxo contra o Concello reclamando algo máis de 1,6 millóns de euros pola expropiación dun terreo do que di ser dono e que hoxe é utilizado como vía de acceso a uns edificios deseñados por el mesmo e sobre uns terreos da súa propiedade. A intención do goberno de Fole Díaz é que toda a Corporación faga fronte común ante unha reclamación que considera fóra de lugar. E para iso, á reunión da xunta de portavoces acudirán tanto os arquitectos peritos que colaboran co Concello na desmontaxe da demanda de Porto Rey coma os avogados que defenderán os intereses da administración local na vista oral, que se celebrará nos primeiros días do mes de marzo no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Tanto o goberno local coma os asesores urbanísticos e xurídicos do Concello confían en que os tribunais conclúan por darlle a razón a unha reclamación que non ten sentido, posto que o denunciante era o propietario dos terreos e, a súa vez, técnico dos edificios construídos nesa parcela. Se ese vial -polo que agora o ex director xeral de Urbanismo de Madrid reclama 1,6 millóns de euros- non existira, os edificios por el proxectados tampouco poderían obter licencia urbanística nin de obras, posto que só podían levantarse se daban a unha vía pública.

Neste proceso, o Concello e os promotores e constructores dos edificios sempre actuaron de boa fe, que se viu sorprendida cando, por exemplo, o señor Porto Rey presentou demandas polo voo dos edificios sobre a súa parcela, ou ocultou datos fundamentais ao xurado de expropiacións para lograr que se lle valorase a súa propiedade (ese vial) en algo más de 200.000 euros. Curiosamente, ao arquitecto non lle pareceu suficiente esa cantidade e presentou un novo recurso, reclamando máis de 1,6 millons de euros.

Fronte a esta forma de actuar, os técnicos do Concello sosteñen que, tendo en conta as servidumes e na necesidade de derrubar a obra feita -o vial en litixio- o valor da parcela sería negativo para o demandante.


LISTA DE DISTRIBUCIÓN: http://www.vilagarcia.es/gabinete

Publicar un comentario Disqus

 
Top