Compartir:
0

A estrea dun documental e dous concertos centran a oferta cultural da fin de semana

Sábado e domingo no auditorio municipal da Xuventude

A presentación dun interesante documental sobre a integración e dous concertos musicais moi interesantes, son as ofertas culturais da fin de semana que veñen a completar a programación outono-inverno que se prolonga ata marzo.

A primeira destas citas refírese á presentación (mañá sábado, no auditorio da Xuventude) do documental EntreParadas, dirixido por Toño Chouza, producida por Jorge Coira e Maxi Cid Ferro (xefe da Policía Local en excedencia) e interpretado, entre outros, pola cambadesa Olga G. Vilas. A película reflicte diversas escenas sobre as vantaxes do transporte público e a integración de discapacitados.

O vindeiro domingo vanse celebrar dous concertos que quedaron fora do programa porque xurdiron con posterioridade á súa edición. A partir das 13 horas, no auditorio municipal da Xuventude, actúa o grupo Contra As Cordas, concerto organizado pola Asociación Cultural Xironsa de Corvillón. Este grupo está integrado por alumnos de 5º curso da Escola de Música Tradicional de Vigo (E-Trad).

O mesmo dia, a partir das 19 horas, o auditorio da Xuventude acolle a actuación que ofrecerá a Orquestra de Saxos de Redondela, fundada hai 14 anos e patrocinada pola Deputación provincial. Trátase dun grupo formado por alumnos da área de saxofón que cursan estudos no Conservatorio Profesional de Música de Redondela. Os músicos, de idades comprendidas entre os 8 e os 27 anos, convertíronse nunha formación orixinal, tanto na súa composición como no seu espíritu didáctico.

Para o 8 de marzo, no que se conmemora o Día Internacional da Muller Traballadora, queda pendente outro concerto, o da Banda Filarmónica do Salnés que está dando os seus primeiros pasos con gran aceptación do público.

Remata a programación

As citas do programa Cooltural, programadas polo Concello para este inverno, rematan o 6 de marzo coa inauguración no pazo de Torrado da exposición de pinturas de Vitor Mejuto. Esta mostra manterase na sala durante un mes.

O Concello deseñou un programa ben surtido de concertos, obradoiros, contacontos, teatro, exposicións e festivais. Un Cooltural no que se desenvolven actividades moi variadas e abertas, sempre na procura de compracer a todos os públicos, gustos e sensibilidades, dende a infancia ata a terceira idade.

 CONCELLO DE CAMBADOS Gabinete de Comunicación 20 de febreiro 2014

Publicar un comentario Disqus

 
Top