Compartir:
0
A EXPOSICIÓN SOBRE A VIDA E OBRA DE ROSALÍA DE CASTRO REGRESA Á BIBLIOTECA PARA CONMEMORAR O NACEMENTO DA POETISA

No último ano, o centro incorporou 13 novos exemplares ao fondo bibliográfico da escritora compostelá, sumando un total de 105

Vilagarcía, 24 de febreiro de 2014.- A Biblioteca Pública Municipal Rosalía de Castro inaugurou hoxe a exposición sobre a vida e a obra da poetisa coincidindo coa conmemoración do día do seu nacemento, o 24 de febreiro de 1837. A mostra composta por dous paneis informativos e unha selección das obras máis representativas da autora de Cantares Gallegos, poderase visitar na planta baixa da Biblioteca dende hoxe e ata o 21 de marzo, Día da Poesía.

A mostra consta de dúas partes. A primeira é a exposición de parte dos fondos bibliográficos sobre Rosalía de Castro que posúe o centro municipal e que se compón tanto de títulos da insigne escritora, como por outras que analizan ou estudan a súa obra. A diferenza doutros anos, nos expositores aparecerán as cubertas das obras, a efectos de que os usuarios da Biblioteca poidan ter a opción de consultalos e solicitalos en préstamo durante o tempo que dure a mostra. A segunda parte da exposición confórmase con dous paneis informativos nos que se fai un percorrido pola vida e obra da escritora.

Ademais, a Biblioteca Rosalía de Castro reedita o tríptico con información sobre Rosalía, no que se inclúe unha addenda coas novas incorporacións. A Biblioteca Municipal conta nos seus fondos con 105 exemplares relacionados con Rosalía de Castro: obras completas, obra poética, obra en prosa, antoloxías, publicacións sobre a súa vida, obra e pensamento, así como outras publicacións, 13 máis que o ano pasado. Estas incorporacións corresponden a adquisicións realizadas pola propia Biblioteca Municipal e tamén a doazóns realizadas pola Xunta de Galicia.

Exemplar dedicado por Rosalía
Un dos exemplares máis salientables do fondo que a Biblioteca vilagarciá ten sobre Rosalía de castro é un exemplar de "Cantares Gallegos" publicado pola editorial "Galí" en 1941, no que se reproduce a primeira edición do poemario publicado en 1863, corrixido e revisado pola autora. Este valioso exemplar recolle unha dedicatoria da autora a Fernán Caballero, datada o 17 de maior de 1863, data elixida posteriormente pola Real Academia Galega para instituír o Día das Letras Galegas.


LISTA DE DISTRIBUCIÓN: http://www.vilagarcia.es/gabinete

Publicar un comentario Disqus

 
Top