Compartir:
0

SERVIZOS SOCIAIS INFORMA SOBRE AS LIÑAS DE AXUDAS AOS EMIGRANTES


O departamento faise eco das convocatorias para emigrantes retornados, galegos residentes no exterior e para viaxes de interese social


Vilagarcía, 26 de febreiro de 2014.- A Área de Servizos Sociais do Concello faise eco das tres liñas de axudas que vén de convocar a Xunta de Galicia e que están dirixidas á poboación emigrante. Trátase das axudas extraordinarias a emigrantes retornados, das axudas asistenciais individuais para os galegos no exterior e as axudas para a realización de viaxes por razóns de interese social, asistencial ou humanitario.

As axudas extraordinarias a emigrantes galegos retornados son achegas non periódicas dirixidas aos emigrantes retornados, e aos seus familiares e teñen como obxecto axudarlles a facer fronte aos gastos extraordinarios derivados do seu retorno a Galicia. Os interesados en beneficiarse desta subvención dispoñen de prazo ata o 30 de setembro para presentar a solicitude. Os requisitos a cumprir e documentación a presentar pódense consultar no DOG do 19 de febreiro.

A segunda convocatoria que fai a Secretaría Xeral da Emigración trátase das axudas asistenciais individuais para os galegos residentes no exterior durante o ano 2014. Están dirixidas aos emigrantes de orixe galega que posúan a nacionalidade española e a determinados familiares, residentes no estranxeiro, que se atopen en situación de precariedade económica. Estas axudas, de carácter individual, extraordinario e non periódico, están destinadas a cubrir as necesidades básicas de subsistencia e de atención sociosanitaria. As bases da convocatoria pódense consultar no Diario Oficial de Galicia do día 20 de febreiro. O prazo para solicitar as axudas remata o 1 de abril.

O departamento que dirixe Elena Suárez tamén se fai eco da convocatoria de axudas para a realización de viaxes por razóns de interese social, asistencial ou humanitario que convoca a Secretaría Xeral de Emigración e cuxas bases publicáronse no DOG do día 20 de febreiro. O obxecto destas subvencións é axudar ás persoas galegas emigrantes e descendentes destas, que residan no exterior e se atopen en grave risco de exclusión ou necesidade, a atender situacións sobrevidas de carácter extraordinario de emerxencia social, sanitaria ou asistencial que precisen dunha actuación urxente ou para as que teñan por finalidade sufragar os custos de viaxes que teñan que realizar, por razóns destas características. Estas axudas son de carácter persoal e intransferible e o prazo para solicitalas está aberto ata o 30 de novembro.







LISTA DE DISTRIBUCIÓN: http://www.vilagarcia.es/gabinete

Publicar un comentario Disqus

 
Top