Compartir:
0


O spot do “Pelegrín do Albariño” nominado ós premios Mestre Mateo

“3-1=0”, de Juan Galiñanes, tamén aspira á mellor curtametraxe

O spot do “Pelegrín do Albariño”, que se inclue na serie O Viño que sabe a Festa, producido por Juan Galiñanes, vén de ser nominado pola Academia Galega do Audiovisual como aspirante ao premio Mestre Mateo no apartado de anuncios publicitarios.

O director cambadés tamén está nominado a un galardón do sector audiovisual galego pola cinta “3-1=0”, no apartado de mellor curtametraxe de ficción. Esta película foi presentada recentemente no auditorio municipal da Xuventude obtendo un grande éxito de público e crítica.

Os catro spots da Festa do Albariño, baixo o título O Viño que sabe a Festa, foron realizados para promocionar este gran evento cambadés en toda Galicia e no resto da Península Ibérica. Para a realización destes anuncios contouse con Galiñanes pola súa profesionalidade e porque, como cineasta cambadés, era o máis indicado para afrontar este reto.

Os anuncios foron realizados polo Concello mediante unha partida do crédito Fondo para Modernización de Infraestructuras Turísticas (Fomit) da Secretaría de Estado de Turismo, investindo algo máis de 42.000 euros que inclúen o deseño da nova páxina web municipal. Todo o gasto corresponde a medios materiais, pois director e actores que participaron e involucráronse a fondo, fixérono de xeito altruista.

O primero dos vídeos, que contou coa actuación do dúo Escuchando Elefantes, tamén fora nominado hai dous anos, e vai dirixido máis ben para a xente nova que goza dos concertos albariñenses; o segundo amosa o ambiente da festa nos stands da Calzada, reflictindo o mundo do enoturismo; o terceiro está máis orientado á xente maior que tamén vive a festa intensamente, e o cuarto (Pelegrín do Albariño) é o máis internacional, máis recoñecible dende fora e tal vez o que máis turistas pode atraer.


Fonte: CONCELLO DE CAMBADOS
Gabinete de Comunicación
24 de febreiro 2014

Publicar un comentario Disqus

 
Top