Compartir:
0

O AUDITORIO CONVÉRTESE EN SEDE DUNHA IMPROVISADA FESTA DO CINE COAS PROXECCIÓNS DIDÁCTICAS DO SPAD E A FUNDACIÓN LUMIÈRE



O Auditorio acolle mañá as sesións dos programas nos que ambos organismos utilizan o cine como ferramenta de aprendizaxe

O actor Javier Bódalo analizará co alumnado de Secundaria a película "Cobardes" na que se aborda a problemática do acoso escolar

O SPAD traballará a prevención de drogodependencias a través do visionado de "El osito polar: La isla misteriosa" para 59 alumnos de escolas unitarias

Á Área de Prevención programa este curso 71 sesións do programa no que participarán máis de 1.900 alumnos e profesores



Vilagarcía, 26 de febreiro de 2014.- O cine é o protagonista esta semana en Vilagarcía e máis en concreto no Auditorio no que mañá coinciden dous programas educativos de dous colectivos diferentes que aproveitan o atractivo e a dimensión didáctica das películas para formar en valores e crear cultura cinematográfica entre os estudantes do municipio. A sala principal do Auditorio acolle a última sesión do programa da Fundación Lumière e a Concellería de Educación e a sala de conferencias a proxección do programa de prevención de drogodependencias do SPAD.

Esta improvisada Festa do Cine comezará ás 9:30 horas coa primeira das dúas sesións programadas para o xoves a través das Xornadas da Fundación Lumière. Será coa proxección de "Cobardes", película do ano 2008 dirixida por José Corbacho e Juan Cruz e protagonizada por Antonio de la Torre, Lluís Homar, Paz Padilla, Javier Bódalo, Blanca Suárez e José Ángel Egido, entre outros. Tanto a este primeiro paseo, como ao segundo, que comeza ás 11:30 horas, asistirá o actor Javier Bódalo para analizar e debater cos alumnos de Secundaria que asisten ás mesmas algunhas das temáticas que toca o film, como a falta de valores, a incomunicación e o acoso escolar. Nesta última xornada participarán 235 alumnos de 3º e 4º curso de ESO dos colexios sagrada Familia e San Francisco e dos institutos Miguel Ángel González e Bouza Brey.

Tres xornadas para fomentar a cultura do cine
As Xornadas de Cine en Educación en Valores están organizadas pola Fundación Lumiére e financiadas pola Concellería de Educación. Comezaron o martes e nelas participan un total de 1.100 alumnos de colexios e institutos da cidade que visionaron e debateron sobre películas adaptadas as súas idades e sobre as que tamén poderán traballar nas aulas coas unidades didácticas facilitadas pola Fundación.

Labor preventiva e Educación para a Saúde

O SPAD de Vilagarcía tamén leva anos utilizando o cine como ferramenta de aprendizaxe, neste caso para a prevención de drogodependencias. O programa comeza mañá coa sesión na sala de conferencias do Auditorio na que participarán 59 alumnos das escolas unitarias de Aralde-Sobrán, Guillán, Pedroso-Bamio, Solobeira e Vilar-Bamio. A película que verán os cativos de Primaria é "El Osito Polar: La isla misteriosa", sobre a cal posteriormente traballarán habilidades de vida e valores relacionados coa amizade e o compañeirismo, o fomento do amor pola natureza e a estimulación da imaxinación e maila creatividade.

Co programa "O Cine como elemento de prevención" o SPAD busca traballar cos nenos dende idades moi temperás diversos valores relacionados coa Educación para a Saúde e a prevención de drogodependencias. O visionado de películas serve de base para o posterior traballo nas aulas a través unidades didácticas elaborado pola Área de Prevención.

No presente curso escolar 2013-2014 o SPAD ten programadas 71 sesións nas que participarán 1.981 alumnos e profesores de 17 centros educativos da súa área de influenza e de niveis que van dende a Educación Infantil ata a EPO e ESO. Cada nivel educativo visiona unha película adaptada as súas idades.








LISTA DE DISTRIBUCIÓN: http://www.vilagarcia.es/gabinete

Publicar un comentario Disqus

 
Top