Compartir:
0

OS ALUMNOS DE MOVEMENTO DA ESCOLA DE MÚSICA CELEBRAN ESTA SEMANA O SEGUNDO FESTIVAL DE DANZAS DO MUNDO

As sesións celébranse o xoves e o venres ás 19:30 horas na sala de concertos da propia escolarizados

O centro Bernardo del Río traballa tamén nos preparativos das audicións trimestrais, do Concerto do Día do Pai e dunha homenaxe a Fernando Argenta

Vilagarcía, 26 de febreiro de 2014.- A Escola Municipal de Música organiza esta semana o segundo Festival de Danzas do Mundo no que os protagonistas son os alumnos de menor idade do centro. Os educandos de Música e Movemento protagonizarán o xoves e o venres dúas actuacións nas que porán de manifesto o traballo realizado no que vai de curso para coñecer e familiarizarse co folclore de diferentes países. Os espectáculos serán o xoves e o venres na sala de concertos da escola e comezarán ás 19:30 horas.

Mañá, xoves, actuarán os alumnos de 4 anos e o venres os de 5. No festival porase en escena unha selección de danzas de todo o mundo, acordes aos seus respectivos niveis. Os temas foron escollidos polos mestres de Música e Movemento, logo dun longo traballo de investigación para ser o máis respectuoso posible coas danzas orixinais. Así, os mestres realizaron pequenas modificacións tendo en conta as dimensións do escenario da sala de concertos. Tamén se intentou recorrer o maior número de países posibles, traballando tamén nas clases cos mais pequenos as costumes e tradicións de ditos países.

O primeiro festival de Danzas do Mundo celebrouse no primeiro trimestre do curso e nel participou o alumnado de 6 e 7 anos, que demostraron enriba do escenario as súas dotes coa frauta doce. Despois destes festivais de "Danzas do mundo", a Escola de Música traballa xa na organización das audicións instrumentais do segundo trimestre, que se celebrarán ao longo da semana do 10 de marzo.

Mestres e alumnos están traballando tamén nos preparativos do "Concerto do Día do Pai", onde participarán as diferentes agrupacións da Escola de Música. Será o mércores 19 de marzo no Auditorio Municipal.

Ao igual que ano pasado, durante este trimestre os alumnos e alumnas da Escola de Música traballan o "Trimestre do compositor". Aínda que non se trata dun compositor, debido ao recente falecemento de Fernando Argenta, gran divulgador da música clásica entre os nenos, a dirección da Escola considerou oportuno renderlle un merecido homenaxe.

Os nenos e nenas presentarán traballos que se expoñerán na Escola sobre a figura do homenaxeado, e para poñer punto final ao trimestre adicado a D. Fernando Argenta, o venres 28 de marzo, ás 19:30 horas, na Sala de Concertos da Escola de Música, haberá un concerto de "Clásicos Populares", a cargo dos alumnos e alumnas do centro Bernardo del Río.







LISTA DE DISTRIBUCIÓN: http://www.vilagarcia.es/gabinete

Publicar un comentario Disqus

 
Top