Compartir:
0
A COMISIÓN MUNICIPAL VISITA O XOVES AS NAVES DE CUCA EN VILAXOÁN


Pretenden acumular toda a información posible para decidir ás medidas a tomar ante a sentencia emitida polo xulgado e postura adoptada polo grupo Garavilla

Os concelleiros defenden o regreso da actividade a Vilaxoán e a recolocación das traballadoras de Cuca baseándose no fallo xudicial que considera improcedente o traslado ao Grove


Vilagarcía, 3 de marzo de 2014.- A Comisión municipal creada para abordar a problemática do traslado da actividade e traballadoras da planta de Cuca ás instalacións que o grupo Garavilla ten no Grove, ten previsto visitar este xoves as naves de Vilaxoán acompañados por representantes do grupo conserveiro. Como xa fixeron hai uns días nas instalación de O Grove, o alcalde e os voceiros de todos os grupos municipais da Corporación pretende recabar "in situ" toda a información precisa sobre as causas do traslado e as posibilidades de que a actividade e operarias retornen á localidade vilagarciá.

Despois do novo escenario que creou a sentencia xudicial que declara improcedente o traslado das traballadoras da planta de Vilaxoán ás instalacións de Garavilla no Grove, o Concello considera que  o grupo conserveiro debe acatar e cumprir a sentencia de xeito que Cuca volva a producir na súa sede orixinal e que as súas traballadoras sexan repostas nos seus postos de traballo nas mesmas condicións.

Tras a visita realizada polo alcalde e os voceiros hai uns días ás instalacións de O Grove, os representantes da empresa comunicáronlles que eles daban por cumprida a sentencia co sistema de fichaxe das traballadoras en Vilaxoán e posterior traslado en autobús posto pola conserveira para que traballen en O Grove. Ademais, din que as condicións de traballo mantéñense tanto en horario como en postos.

Para a comisión municipal, esta non á solución desexada, polo o Concello remitiu un escrito ao xulgado solicitando que, dada a problemática social creada, teña a ben resolver canto antes se da por válidas as medidas adoptadas pola empresa para executar a sentencia. Mentres non chega a resposta da xuíza, os concelleiros visitarán a planta de Cuca para seguir recabando información.


Concello de Vilagarcía

Publicar un comentario Disqus

 
Top