Compartir:
0
As previsións meteorolóxicas, que vaticinan choivas para varias xornadas do Entroido, seguen forzando
trocos importantes nas datas desta tradicional celebración. Odesfile de carrozas e comparsas, que se ía celebrar mañá, martes de carnaval, queda aprazado para o domingo 9, debido as previsións climáticas que anuncian mal tempo para a xornada grande do Entroido. Mañámartes, para que non se bote a perder a maxia no día máis significativo do Carnaval, vaise celebrar un baile con música e animación no salón José Peña, a partir das 17 horas.

Pola súa banda, o concurso de disfraces celebrouse onte, con gran éxito de público e concursantes nun ateigado salón José Peña. Contou coa animación do showman Pepo Suevos e música de D´js. Os premios na categoría infantil foron para Eduardo Manostijeras (individual); “Os Castañeiros” (parella), e o grupo “Entre Costuras”. En adultos impuxéronse “Chapuzas a domicilio” (individual); “Os Trasnos do bosque” (parella), e o grupo Corda para Rato con “Soldados de Chumbo” . Os gañadores obtiveron 100 € -individual-, 150€ -parella-, e 250€ -grupo-, respectivamente.

A esmorga carnavaleira xa se deixa notar en Cambados, como se demostra na gran participación no concurso de disfraces e mais na lista de espera que se mantén para competir no concurso de filloas o cal celébrase hoxe, luns de entroido, ás 17.30 horas, no salón José Peña, con premios para as máis apetitosas e para quen cociñe maior cantidade en 30 minutos. O xurado estará integrado polos chefs cambadeses Yayo Daporta, Tonino Botana e Manolo Ribadomar, xunto cunha ama de casa e un técnico de Cultura. As 16.30 horas comeza, no mesmo salón, o baile infantil con animación e premios de ata 150 euros para os mellores disfraces nas categorías individual, parella e grupo.

Enterro da Cicloxénese

O mércores de Cinza procederáse ó tradicional enterro da Sardiña, travestida nun personaxe de actualidade que esta vez será a temible Cicloxénese Explosiva. Ás 18.30 horas haberá degustación de doces típicos de Entroido elaborados pola asociación de Amas de Casa Albariño. Ás 19 horas, lectura do sermón e marcha funesta dende a praza do Concello ata a praia de San Tomé para enterrar a Cicloxénese. Para o sepelio convócase ás forzas vivas, viuvas e viuvos alegres, carpideiras, boys, gogós e todos os que a queiran despedir. As marchas fúnebres serán grotescas e irreverentes.

O gran desfile

Para optar ós premios, o vindeiro domingo, as carrozas deberán desfilar na orde establecida de antemán, polo percorrido que parte da escalinata de San Tomé e que segue por avenida de Galicia, praza do Concello, avenida de Vilariño, avenida de Madrid, praza de Fefiñáns, avenida da Coruña, Ribeira de Fefiñáns, paseo da Calzada e remata de volta na praza do Concello. Irá acompañado pola música da charanga Os Jaláticos e polo grupo de batucada Omar Percussion. O xurado deberá ter en conta a orixinalidade do deseño, laboriosidade e creatividade. O xurado outorgará premios de 500 euros á mellor carroza, 400€ á segunda e 300€ á terceira (Haberá gratificacións para as carrozas, comparsas e maquetas pola súa participación).

Publicar un comentario Disqus

 
Top