Compartir:
0
AS INVITACIÓNS PARA O CONCERTO DA PIANISTA MINE KAWAKAMI PÓDENSE RETIRAR A PARTIR DO XOVES NO CONCELLO

Entregarase un máximo de dúas por persoa e ata completar o aforo do Salón García

A Sonata Samurài preséntase o sábado, 15 de marzo, no marco dos actos da Exposición Internacional da Camelia

Vilagarcía, 8 de marzo de 2014.- O Salón García acolle o sábado, 15 de marzo, un evento moi especial. Trátase do concerto da prestixiosa pianista xaponesa, Mine Kawakami, que interpretará en Vilagarcía a súa Sonata Samurài no marco da programación da Exposición Internacional da Camelia. A entrada é de balde con invitación que se poderá retirar a partir do xoves, 13 de marzo, na oficina de Protocolo do Concello. Entregaranse un máximo de dúas invitacións por persoa e ata completar o aforo.

Mine Kawakami, a pianista xaponesa de recoñecido prestixio internacional, deleitará aos vilagarciáns coa súa Sonata Samurài, unha composición propia que estreou en España o pasado mes de xuño nun concerto no Teatro Real de Madrid ao que asistiron os príncipes de Asturias e o príncipe herdeiro de Xapón Naruhito. Todo un luxo do que poderán gozar os vilagarciáns de xeito gratuíto e de forma moi exclusiva grazas á programación da Exposición Internacional da Camelia que organiza concertos de Kawakami nas tres cidades que coorganizan o certame: Vilagarcía, Vigo e Pontevedra.

Ademais de pola súa depurada técnica interpretativa, Mine Kawakami caracterízase por un basto coñecemento da música tradicional xaponesa e tamén da música actual, doutros estilos doutras latitudes, coñecementos que non dubida en mesturar nas súas composicións. A compositora nipona fala perfectamente español e acostuma a intercalar entre as súas interpretacións ao piano explicacións verbais sobre a peza que vai a tocar.

A realización deste exclusivo concerto no Salón García debeuse a unha petición expresa do representante da pianista que se quedou prendado do encanto deste emblemático teatro cando tivo a oportunidade de visitar Vilagarcía para coñecer as salas dispoñibles para a actuación. As característica so Salón García adáptanse á perfección as características dun concerto a piano e, debido ao seu limitado aforo, tamén favorecen unha relación directa e íntima entre a artista e o público, algo do que goza especialmente Kawakami.


Publicar un comentario Disqus

 
Top