Compartir:
0

O PRAZO PARA INSCRIBIRSE NO CURSO DE CONDUCIÓN E MANEXO DE CARRETILLA ELEVADORA ÁBRESE O LUNS


A actividade permitirá que 14 mozas e mozos desempregados obteñan o certificado para poder optar a un posto de traballo moi demandado

Das 25 horas lectivas, 5 consistirán en prácticas de manobras co vehículo

Vilagarcía, 15 de marzo de 2014.- Os mozos e mozas interesados en obter o certificado de manexo e condución de carretilla elevadora poderán facelo participando no curso gratuíto que organiza a Concellería de Xuventude. O departamento que dirixe Sandra García abre o luns, 17 de marzo, o prazo de inscrición para anotarse na actividade na que poderán formarse 14 desempregados de entre 16 e 35 anos.

A través desta acción formativa os alumnos adquirirán os coñecementos básicos pata obter a certificación que o habilite para conducir e operar con carretilla elevadora. Tamén desenvolverán as competencias e habilidades precisas para manexar con seguridade e estabilidade este vehículo de carga e descarga e complementar a súa formación profesional, mellorando así as súas posibilidades reais de incorporación ao mundo laboral.

O curso consta de 25 horas lectivas das cales 20, as teóricas, impartiranse a distancia e as 5 restantes serán presenciais e consistirán na realización das prácticas de condución e manexo da carretilla elevadora. A sesión presencial do curso levarase a cabo o sábado 29 de marzo nunhas instalacións axeitadas, en horario de 9.00 a 14.00 horas.

Este novo curso enmárcase no programa de actividades que organiza a Concellería de Xuventude co obxectivo de contribuír á loita contra o paro entre a mocidade e a facilitar o acceso ao mercado laboral por parte deste colectivo. Neste ocasión óptase pola formación de condutores de carretilla elevadora, un posto de traballo que conta cunha elevada demanda.

As persoas interesadas en realizar esta acción formativa deberán presentar a solicitude no Rexistro Xeral do Concello entre os días 17 e 24 de marzo en horario de 8:30 a 14.30 horas de luns a venres e os sábados de 10 a 13 horas. Os formularios poden recollerse na Concellería de Xuventude ou imprimir a través do taboleiro de anuncios da web municipal, onde tamén se poden consultar as bases do curso. As prazas cubriranse por rigorosa orde de entrada no Rexistro.

Publicar un comentario Disqus

 
Top