Compartir:
0

A FUNDACIÓN DESENVOLVE TAREFAS DE MANTEMENTO NOS TRES CAMPOS DE HERBA ARTIFICIAL DO CONCELLO

Os traballos iniciados hoxe consisten no cepillado e aspirado da superficie e posterior descompactado

Trátase dunha das dúas actuacións anuais que se realizan para garantir o mantemento e conservación das instalacións deportivas


Vilagarcía, 18 de marzo de 2014.- A Fundación Municipal de Deportes desenvolve esta mañá a primeira das actuacións anuais de mantemento e conservación dos campos de herba artificial do municipio. Os traballos realizaranse nas instalacións de Berdón, Manuel Jiménez e Vilaxoán e consistirán no cepillado e aspirado da superficie e no descompactado do caucho coa maquinaria específica. Estas labores permiten prolongar a vida útil dos terreos de xogo e garanten que a herba artificial se atopa en perfecto estado para a práctica do deporte.

Os traballos de mantemento iniciáronse hoxe no campo Manuel Jiménez e están sendo realizados pola empresa Covsa. Mañá desprazaranse a Berdón e o xoves completarán a actuación en Vilaxoán. Nos tres campos realizarase un cepillado rotativo da superficie coa finalidade de manter a distribución uniforme do material lastrado, asegurar a verticalidade da fibra e eliminar os materiais impropios do terreo de xogo, como pedras, terra e demais elementos. A continuación procederase ao descompactado do recheo de caucho e area e tamén se limparán os filtros dos cañóns de rego.

A maiores, no campo de herba artificial de Berdón realizarase un suplemento de caucho de color negro de 10 toneladas.

As labores que se levan a cabo esta semana forman parte dos traballos periódicos de mantemento dos campos de herba artificial cada ano e que, ademais desta primeira actuación, terán unha segunda fase similar a realizar o próximo outono. O investimento realizado polo organismo que preside Elena Suárez nos traballos que se están executando ascende a 8.833 euros.

Publicar un comentario Disqus

 
Top