Compartir:
0
TRINTA E SETE PERSOAS PARTICIPAN O SÁBADO NA MARATÓN FOTOGRÁFICA DO DÍA
INTERNACIONAL DA MULLER

Son afeccionados á fotografía e deberán plasmar en imaxes tres temas relacionados coa igualdade no mundo laboral que se lles entregarán ao inicio da proba

A proba comezará ás 10:30 horas da mañá na Casa da Cultura de Carril

Vilagarcía, 6 de marzo de 2014.- O sábado, 8M, conmemórase o Día Internacional da Muller, unha data que en Vilagarcía se lembra a través dunha nova edición da Maratón Fotográfica organizada pola Área de Igualdade e o Centro de Información á Muller. Un total de 37 persoas inscribíronse na actividade que se celebrará durante a xornada do sábado e na que os fotógrafos afeccionados deberán plasmar en imaxes os tres temas relacionados coa igualdade no mundo laboral que se lles comunicarán ao inicio da proba.

Os participantes na Maratón Fotográfica pola Igualdade son 20 homes e 17 mulleres, todos eles afeccionados á fotografía xa que, segundo se recollía nas bases, non poderían tomar parte no certame ningún fotógrafo profesional. Aínda que a meirande parten dos concursantes son de Vilagarcía e municipios da contorna, tamén se desprazarán persoas de Santiago, Ames, Moaña ou Vigo para tomar parte nesta maratón.
O obxecto desta competición fotográfica é reflectir a igualdade de xénero con relación ao mundo do traballo. Para iso, os participantes terán que presentar as súas propostas con relación a tres temas que as técnicas da Área de Igualdade lles darán a coñecer o mesmo día 8 de marzo e nos sucesivos controis. Con todo o material, o Concello organizará unha exposición na que tamén se darán a coñecer os traballos gañadores.

A Maratón Fotográfica pola Igualdade iniciarase o sábado ás 10:30 horas na Casa de Cultura de Carril. Alí elixiranse os tres temas obxecto das fotografías, entre varios sobres pechados con distintas propostas e entregaráselles aos participantes o seu número de identificación que deben ter con eles durante toda a proba. O seguinte control será na Casa de Cultura de Vilaxoan ás 13,30. O final será entre as 18:30 e 19:00 horas no auditorio de Vilagarcía. Os participantes disporán das horas establecidas para tomar as imaxes a presentar ao concurso, pata o cal deberán levar a súa propia cámara dixital.

As fotos entregaranse en arquivo JPEG e tamaño mínimo de 20x30 cm., e resolución de 300 ppp. Ao remate da Maratón se lle entregará a cada participante un soporte dixital onde gardarán as fotos a concurso para o que se lles facilitará o acceso a ordenadores. Logo disto, o soporte será introducido por cada un/unha dos/das participantes nun sobre pechado no que deberá figurar o número de identificación que se lles asignou ao comezo da Maratón co obxecto de que os traballos manteñan o seu anonimato no momento de ser avaliados polo xurado.

Haberá tres premios, un por cada un dos temas propostos, cunha contía de 200 euros por cada un.

Publicar un comentario Disqus

 
Top