Compartir:
0
OS VILAGARCIÁNS REDUCIRON EN 2013 A PRODUCIÓN DE RESIDUOS SÓLIDOS ORGÁNICOS E RECICLARON MÁIS ENVASES LIXEIROS


A tradicional bolsa do lixo pesou 590.000 quilos menos, un dato positivo que xunto co incremento da recollida selectiva de envases en 608.730 quilos

O reconto oficial da recollida de cartón descende e dende a empresa apuntan ao baleirado de contedores por parte de particulares como causa principal

A través do servizo de recollida de voluminosos retiráronse o ano pasado 130.220 quilos de residuos non susceptibles de depositarse en ningún contedor



Vilagarcía, 1 de marzo de 2013.- A bolsa de lixo dos vilagarciáns volver a adelgazar en 2013, ano no que a cantidade de residuos sólidos urbanos de carácter orgánico xerada foi de 13.845.400 quilos, fronte os 14.435.400 que se recolleran o ano anterior. Esta diminución de 590.000 quilos supón un dato positivo, posto que os desperdicios de carácter orgánico que compoñen a bolsa do lixo que tiramos nos contedores verdes tradicionais non son susceptibles de ser reciclados e a súa correcta xestión e eliminación precisa dun tratamento que ten un importante custe económico. Así que, canto máis pequena sexa a bolsa do lixo, mellor.

Este aspecto positivo é aínda maior dado que esta tendencia á baixa mantense constante dende hai cinco anos. As causas disto poden atoparse nunha combinación de dous aspectos: a diminución do consumo por causa da crise pero, tamén, pola mellora dos hábitos de reciclado dos vilagarciáns que cada vez separan os residuos domésticos dunha forma máis óptima e que depositan os desperdicios reciclables nos seus respectivos contedores.

Se o positivo é que o volume de residuos orgánicos se reduza, no caso da recollida selectiva o óptimo é que aumente. Neste apartado chama a atención a dispar evolucionou que tivo a recollida selectiva o pasado ano. Mentres que a recuperación de papel e cartón foi menor que en 2012, a de envases lixeiros medrou por segundo ano consecutivo. Segundo os datos aportados por Coregal, a empresa encargada da xestión da recollida selectiva, os vilagarciáns depositamos no contedor amarelo 608.730 quilos de envases lixeiros (briks, latas, botellas de PVC...), o que supón 14.380 quilos máis que o ano 2012.

Pola contra, e seguindo a tendencia xa manifestada nos últimos cinco anos, a recuperación de papel e cartón diminuíu en 2013 nun total de 8.700 quilos, xa que recolléronse dos contedores azuis 552.700 quilos fronte aos 561.400 do ano anterior. Como dato a ter en conta, cómpre lembrar un aspecto que xa apuntaban dende Coregal o ano pasado cando explicaba que esta diminución da reciclaxe de papel non se podía atribuír á relaxación dos vilagarciáns. Dende a xestora comentaban que a tendencia era similar en todas as cidades dende que se agravou a crise económica e que se debía ao baleirado dos contedores por parte de particulares para vender posteriormente o cartón ás empresas que se encargan da súa reciclaxe e obter así algúns ingresos.


Como se sabe, o Concello de Vilagarcía ofrece aos veciños un servizo a domicilio gratuíto de recollida de voluminosos para que os particulares poidan desfacerse de mobles ou utensilios vellos de tamaño importante e que non son susceptibles de desbotarse nos contedores de residuos sólidos urbanos. O camión de Cespa pasa dous días ao mes -previa concertación de aviso- a retirar colchóns, mobles, electrodomésticos e demais utensilios que os veciños depositen no lugar indicado das súas rúas. Estes materiais son transportados ata o Punto Limpo onde se separan para o seu posterior tratamento por parte de empresas autorizadas. No ano 2013 os quilos de residuos voluminosos retirados por Cespa ascenderon a 130.220. Esta cifra é sensiblemente inferior á acadada o ano anterior, no que se recolleron 158.520 quilos de voluminosos.




LISTA DE DISTRIBUCIÓN: http://www.vilagarcia.es/gabinete

Publicar un comentario Disqus

 
Top