Compartir:
0

OS VILAGARCIÁNS DEPOSITARON O ANO PASADO NOS CONTEDORES DE RECICLAXE 9.215 QUILOS
DE ACEITE ALIMENTICIO USADO

Cumprir con este bo hábito evitou que se contaminasen máis de 10 millóns de litros de auga

Existen 16 depósitos especializados para a recollida de aceites domésticos distribuídos por todo o municipios

Vilagarcía, 4 de marzo de 2014.- Vilagarcía conta dende ao ano 2009 cun servizo gratuíto de recollida e reciclaxe de aceite de uso alimenticio usado que organiza a través dos 16 contedores específicos distribuídos por todo o termo municipal. O pasado ano 2013, os vilagarciáns depositaron nestes contedores 9.215 quilos da substancia oleaxinosa. Con esta boa práctica medioambiental, evitouse a contaminación de máis de 10 millóns de litros de auga.

Desfacerse do aceite alimenticio de uso doméstico sen contaminar é posible a través dos contedores de recollida que o Concello ten dispostos en 16 puntos do municipio. Ao optar por esta vía en lugar de por desbotar os residuos oleaxinosos polos desaugues ou váteres, evítase que o aceite se mesture coa auga que, a través da rede municipal de saneamento, chega ata a EDAR de Ferrazo para a súa depuración, polo que o seu tratamento faise máis rápido e cun menor custe.

Como vén sendo habitual, os contedores nos que se recolleu máis aceite residual foron aqueles emprazados no centro urbano e cunha maior densidade poboacional como o do barrio do Piñeiriño (1.495 quilos), Praza de Abastos (1.455), As Carolinas (1.440) e Ravella (925). A continuación situáronse os contedores de Vilaxoán, onde se recolleron 730 quilos, e Carril, con 670 quilos. Nos demais puntos de recollida non se chegou aos 400 quilos. No tramo situado entre os 300 e os 400 quilos de aceite recollido durante o ano 2103 atópanse os depósitos de Sobradelo e Cornazo; mentres que os de Rubiáns, A Laxe, Trabanca Badiña e Trabanca Sardiñeira as cantidades anuais acumuladas situáronse entre os 200 e os 300 quilos. Por debaixo dos 200 quilos quedaron os contedores dos puntos de A Torre, Guillán, Cea e Vilar-Bamio.

Uso gratuíto e exclusivamente doméstico

Vilagarcía presta o servizo de recollida de aceite de uso doméstico dende novembro de 2009. A súa utilización é gratuíta, tanto para o usuario, como para o Concello, grazas ao convenio de colaboración subscrito coa empresa Procesadora Gallega de Alimentos S.L., xestora de residuos autorizada pola Xunta de Galicia, que é a que se encarga de recoller os residuos e de reutilizalos como materia prima para a produción de biocombustible. O servizo é de uso exclusivo para os aceites de orixe doméstico. Os residuos oleaxinosos procedentes de actividades industriais non son susceptibles de usalo, posto que as empresas están obrigadas por lei a facerse cargo dos residuos que xera a súa actividade a través de xestores autorizados.

Combustible ecolóxico que non emite xofre

Unha vez recollidos os residuos, o aceite de cociña usado transpórtase a unha planta de reciclaxe para a súa posterior transformación en biodiésel, un biocombustible vexetal que contribúe á conservación do medioambiente, posto que é renovable e limpo e non produce emisións de xofre. Ademais, reduce o desgaste do motor (maior lubricación) e pode ser usado por calquera vehículo diésel convencional sen necesidade de modificacións mecánicas.

Residuo altamente contaminante

O aceite usado constitúe un residuo moi abundante, xa que cada persoa xera ao ano unha media de 7 litros. Ademais, esta substancia ten un elevado poder contaminante posto que 1 litro de aceite contamina 1.000 litros de auga. Segundo os estudos globais, a maior parte deste residuo (80%) procede de domicilios particulares e só un 20% da hostalería. Na inmensa maioría dos casos, os aceites domésticos son eliminados a través da rede de sumidoiros. Isto supón que os aceites ou van para ás depuradoras de augas residuais das cidades -provocando avarías e proliferación de pragas na rede, e incrementando os custes de depuración e mantemento das instalación- ou van directamente á terra, co que acaban contaminando os acuíferos.

Publicar un comentario Disqus

 
Top