Compartir:
0

A CONCELLERÍA ORGANIZA UN TALLER DE IDEAS PARA PROMOVER PROXECTOS EMPRENDEDORES DE PARTICIPACIÓN XUVENIL

Trátase dunha iniciativa do programa Iniciativa Xove que se desenvolverá o 5 de abril no Auditorio

A participación é libre e de balde, pero recoméndase inscrición

Vilagarcía, 21 de marzo de 2014.- A Concellería de Xuventude segue organizando actividades de cara ao fomento da actividade xuvenil e da formación e inserción no mercado laboral deste sector. A seguinte iniciativa que promove o departamento que dirixe Sandra García é o Taller de Ideas que se celebrará o día 5 de abril pola tarde no marco do programa Iniciativa Xove da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado. A participación é libre e de balde, pero haberá unha inscrición previa para controlar o aforo.

O Taller de Ideas "Cara o emprendemento desde a participación- Fai que a túa idea funcione" pretende ser unha ferramenta de traballo sobre proxectos de participación xuvenil en grupos reducidos enfocados a mozos e mozas e entidades de carácter xuvenil xa decididos á presentación de propostas no marco do programa Iniciativa Xove ou outros similares, ou que ben xa teñan concorrido noutras convocatorias e busquen mellorar as súas competencias en canto a redacción e execución de proxectos. O plantexamento metodolóxico é eminentemente práctico, buscando o traballo en equipo e o intercambio de ideas entre os asistentes introducindo unha breve exposición teórica ao inicio da sesión.

No taller explicarase a estrutura que debe seguir unha iniciativa emprendedora e participativa, as pautas para pasar do proxecto en papel a súa execución na realidade, a necesidade de establecer cronogramas para planificar os prazos de realización e tamén se animará aos asistentes a liderar os seus propios proxectos desenvolvendo as ideas que teñan. Ademais, na actividade explicarase en que consiste a participación xuvenil e se comentarán os obxectivos e iniciativas do programa Iniciativa Xove.

O Taller de Ideas está aberto á participación do público en xeral, aínda que vai especialmente dirixido a entidades xuvenís e prestadoras de servizos á xuventude, grupos de mozos e mozas, colectivos interesados en levar a cabo proxectos de participación xuvenil e técnicos municipais.

O taller celebrarase o 5 de abril, a partir das 18:00 horas, no Auditorio. Os interesados deben inscribirse acudindo ás dependencias da Concellería de Xuventude ou a través do teléfono 986 099200, extensión 212, ou do mail xuventude@vilagarcia.es

Publicar un comentario Disqus

 
Top