Compartir:
0

CURSO PRÁCTICO DE ORATORIA PARA MELLORAR AS DOTES COMUNICATIVAS Á HORA DE FALAR AO PÚBLICO

Celebrarase o 2 e 3 de maio no Auditorio e poderán participar de xeito gratuíto 25 persoas de 16 a 35 anos

O prazo de inscrición ábrese o 21 de abril


Vilagarcía, 19 de abril de 2014.- Falar axeitadamente público, xa sea para a realización dun exame verbal, para dar unha conferencia, dirixirse a un grupo de traballo ou impartir unha clase, non é unha cualidade que todo o mundo teña de forma innata, pero si é unha ferramenta moi útil para abordar este tipo de situacións así como afrontar unha entrevista de traballo. Por iso, a Concellería de Xuventude organiza un curso gratuíto de oratoria e presentacións de alto impacto no que os alumnos poderán aprender, mellorar e practicar as súas dotes e técnicas comunicativas para lograr unha comunicación exitosa. O curso está dirixido a persoas de 16 a 35 anos e o prazo de inscrición ábrese o luns, 21 de abril.

Con esta actividade, a Concellería que dirixe Sangra García segue abrindo novos campos formativos nos que a mocidade poida adquirir ferramentas que lle resulten de utilidade á hora de mellorar as súa empregabilidade ou coñecementos en xeral.

O curso de oratoria terá unha duración de 6 horas lectivas e impartirase no Auditorio en dúas sesións: o venres, 2 de maio de 17 a 20 horas, e o sábado, 3 de maio, de 10 a 13 horas. Os interesados poden recoller o formulario de inscrición nas dependencias da OMIX ou imprimir dende o taboleiro da web municipal www.vilagarcia.es. As solicitudes deben presentarse entre o 21 e o 26 de abril no Rexistro Xeral do Concello de luns a venres de 8:30 a 14:30 prazo de solicitude e os sábados de 10 a 13 horas.

O curso será principalmente práctico baseándose a metodoloxía en catro bloques. No primeiro, o alumno-orador recibirá información, técnicas e recomendacións de cada unha das habilidades que conforman o programa. No segundo, analizaranse casos prácticos a base de vídeos, artigos, estudios e información selecta e complementaria.

No terceiro bloque comeza a fase práctica que permite asentar coñecementos e descubrir debilidades. práctica individual é un dos momentos claves do curso e ocupará case toda a segunda sesión. Mentres o grupo realiza unha práctica conxunta, analízase un a un a cada participante e se lle ofrece unha primeira análise sobre as súas fortalezas e debilidades, como punto de partida básico para que siga formándose e mellorando as súas habilidades.
E por último, no cuarto bloque ofrecerase asesoramento personalizado e individualizado a cada participante a efectos de darlles consellos concretos sobre os seus puntos fortes e débiles como oradores, así como unha base para o traballo persoal.

Publicar un comentario Disqus

 
Top