Compartir:
0

A CORPORACIÓN APROBA POR UNANIMIDADE A DECLARACIÓN INSTITUCIONAL EN DEFENSA DOS POSTOS DE TRABALLO DE CUCA

O texto, consensuado previamente por todos os grupos, someteuse onte á decisión do Pleno

Vilagarcía, 1 de abril de 2014.- Os 21 edís que compoñen a Corporación Municipal de Vilagarcía puxeron de manifesto onte a súa postura en común en relación á problemática creado polo traslado ao Grove da actividade de Cuca. O Pleno aprobou por unanimidade a declaración institucional en defensa dos postos de traballo da conserveira de Vilaxoán e todos os grupos comprometéronse a participar de forma conxunta e institucional nunha manifestación para demandar o cumprimento da sentencia xudicial por parte do grupo Garavilla.

A manifestación celebrarase o vindeiro 11 de abril.

A continuación remitimos o texto da Declaración Institucional aprobada no Pleno de onte:

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DA CORPORACIÓN MUNICIPAL
CON RELACIÓN AO CONFLITO DE CUCA

A comisión de seguimento do conflito de Conservas Cuca, da que forman parte os grupos políticos do PP, PSOE, BNG, EU-IU e IVIL, na súa reunión do luns 17 de marzo de 2014, na Casa Consistorial de Vilagarcía, por unanimidade acordou facer a seguinte DECLARACIÓN INSTITUCIONAL:

1. A Corporación municipal de Vilagarcía de Arousa manifesta o seu absoluto e unánime apoio ás traballadoras de Cuca-Vilaxoán nas súas reivindicacións.

2. A Corporación reclama o cumprimento da sentenza xudicial, co obxecto de que sexa posible garantir a continuidade da actividade e dos postos de traballo nas instalacións de Vilaxoán.

3. A Corporación reitera a defensa da actividade conserveira en Vilaxoán, ao considerar a marca Cuca como patrimonio de Vilagarcía de Arousa en xeral e de Vilaxoán en particular.

4. A Corporación, como representante de toda a cidadanía, participará de xeito conxunto e institucional na manifestación pública convocada polas traballadoras en defensa das súas reivindicacións e do cumprimento da sentenza.

5. A Corporación reitera o seu compromiso coa creación e mantemento do emprego no noso Concello, polo que comprométese a facer todo o posible para manter e xerar o maior número de empregos en Galicia.

Vilagarcía de Arousa, 17 de marzo de 2014.

Tomás Fole Díaz, Alcalde
Rocío Llovo del Río, voceira do Partido Popular de Galicia
Tania García Sanmartín, voceira do Partido dos Socialistas de Galicia
María Villaronga Chazo, voceira do Bloque Nacionalista Galego
Juan Fajardo Recouso, voceiro de Esquerda Unida-Izquierda Unida

Publicar un comentario Disqus

 
Top