Compartir:
0

O sábado 19 de abril celebrarase na Praza da Peixeiría de Vilagarcía o festival promovido por Esquerda Unida que cumpre a súa décima primeira edición.

Trajano! encabeza o cartel da festa Mundo Vermello XI
Tamén participarán no evento os ferrolanos Carrero Bianco e Álex Casanova e Sofá Ambulante como representantes locais.

Para finalizar a xornada os asistentes poderán gozar da sesión de DJ Noiseabundo e DJ Muscular.

Vilagarcía de Arousa, 03 de abril de 2014

A festa Mundo Vermello, que cumpre a súa décima primeira edición, terá lugar o sábado 19 de abril na Praza da Peixeiría de Vilagarcía de Arousa coa actuación, como cabeza de cartel, de Trajano!. A banda madrileña de post-punk, que conta con membros de orixe galega, conseguiu nos seus dous escasos anos de vida o recoñecemento como segunda mellor demo de Madrid para Mondo Sonoro ou ser semifinalistas do Proxecto

Demo 2012 (Rtve) e acaba de anunciar a súa entrada no selo Marxophone. O resto dos grupos que participarán no festival son Carrero Bianco + Álex Casanova + Sofá Ambulante + DJ Noiseabundo + DJ Muscular.

EU Vilagarcía promove esta iniciativa dende o ano 2003, na que os máis novos do partido achegan o seu granito de area para facer chegar a mensaxe de protesta a través desta xa consolidada cita coa música en Arousa. Como cada ano, a filosofía do evento é o apoio á música galega e á cultura local, nun ámbito aberto de debate político e social.

Concertos gratis e prezos anticrise

Os concertos comezarán ás 22,00 horas e a entrada será totalmente gratuíta. Manteranse os «prezos populares» como en anteriores edicións, á medida de todos os petos nestes tempos de crise.

Toda a información sobre a festa estará dispoñible no blog http://mundovermello.blogspot.com/, e na páxina de Facebook facebook.com/FestaMundoVermello e o Twitter oficial de Mundo Vermello @mvermello.

O festival conmemora o nacemento da revista do mesmo nome, que nas súas primeiras edicións era en formato papel pero nos últimos anos se converteu nun blog e que dende o primeiro momento serviu como vehículo de expresión da organización.

A festa é a máxima expresión do espírito asembleario e inconformista de Mundo Vermello, sendo ademais dun acto lúdico e libre, o punto de encontro e debate para todos os que pensan que outro mundo é necesario.

Dende a súa primeira edición, a Festa Mundo Vermello apostou polo indie e polos grupos galegos, apoiando o éxito de bandas como Triángulo de Amor Bizarro, Telephone Rouges, Músculo! ou Noise Project.

Para máis información:

Festa Mundo Vermello
mundovermello@gmail.com
http://mundovermello.blogspot.com/

Publicar un comentario Disqus

 
Top