Compartir:
0


MANQUIÑA E TONY LOMBA PROTAGONIZAN UN MUSICAL DE ESTILO SETENTERO NO SALÓN GARCÍA

"Música Ligera" represéntase o 4 de maio e as entradas xa se poden adquirir en servinova a 8 euros

O Salón García segue a gañar espazo na axenda cultural de Vilagarcía. Neste caso cun divertido espectáculo musical de pequeno formato interpretado polo actor e humorista, Manuel Manquiña, e o cantante e showman, Tony Lomba. "Música Ligera" revive a musica, estética e a sociedade da década dos setenta cun argumento no que se relatan os éxitos e fracasos dos personaxes. O espectáculo porase en escena o domingo, 4 de maio, a partir das 20:00 horas e as entradas xa se poden adquirir a través da web www.servinova.com e do teléfono 902 504 500 ao prezo de 8 euros.

Tony Lomba e Manuel Manquiña únense nun espectáculo musical para (re)inventar o underground elegante e invitarnos a viaxar á España dos setenta, un país namorado das suecas, de Benidorm e da música melódica.

A banda sonora de "Música Ligera" está composta por cancións que xa son eternas e que marcaron a toda unha xeración. De Sam Cooke a Nino Bravo e de Las Vegas a Benidorm. Pero este é tamén un musical con argumento e personaxes. Unha historia de éxitos e fracasos que se narra co estilo iconoclasta e salvaxe de Manuel Manquiña.

Tony Lomba é o crooner máis xenuíno e persoal que teña pisado un escenario en Galicia. Manuel Manquiña é un cómico punk, un conservador furioso incapaz de non converter unha verdade nunha barbaridade.

Agora están xuntos e queren contarnos as súas vidas nun espectáculo para amantes da música aos que non lles dea medo a verdade. "Música Ligera" é un cocktail de enxeño, mestría, loucura e arte sen cortapisas. Un espectáculo que pretende facer gozar ao público.

Publicar un comentario Disqus

 
Top