Compartir:
0

O CONCELLO REITERA QUE O TRÁMITE DE MEGASA É UNICAMENTE URBANÍSTICO E QUE NON HAI NINGUNHA PROPOSTA DE CENTRO COMERCIAL

Se algún día a propiedade o propón, entón si será convocada a Mesa Local do Comercio, como xa se anunciou

Nese hipotético caso e se sobrepasara os 2.500 metros cadrados sería precisa a autorización da Xunta

Vilagarcía, 10 de abril de 2014.- Logo das manifestacións de distintos colectivos en contra do establecemento dun suposto centro comercial en Megasa, o Concello quere reiterar que o trámite aprobado na última sesión plenaria respecto desta parcela é única e exclusivamente urbanístico. Aínda que os donos tiveran a intención de construír un centro comercial, o certo é que a día de hoxe nas oficinas municipais non consta ningunha petición nin proposta nin proxecto ao respecto.

No caso hipotético de que así ocorrera nun futuro, o goberno local, como xa dixo en varias ocasións, convocará á Mesa Local do Comercio. Que o faga agora non tería sentido porque é unicamente un trámite urbanístico, co que se pretende poñer en orde a parcela (hai instalacións ilegais, outras construídas en precario e outras fóra de ordenación), e iso non é algo que competa á Mesa Local.

Nesta mesma hipótese de que se solicite nun futuro a licenza para levantar un centro comercial, o Concello lembra de novo que calquera superficie destas características superior aos 2.500 metros cadrados debe contar coa chamada "dobre licenza", é dicir, por unha banda, a do Concello, e pola outra, a da Xunta de Galicia.

Publicar un comentario Disqus

 
Top