Compartir:
0

A MÚSICA DE CÁMARA TOMA CORPO NO X ANIVERSARIO DO CONSERVATORIO CO CONCERTO DO TRÍO CASSADÓ

A actuación é mañá, mércores, a partir das 20:00 horas no Auditorio

Vilagarcía 8 de abril de 2014.- O Conservatorio Profesional de Música de Vilagarcía continúa coas celebración do seu décimo aniversario cun novo concerto aberto a todo o público. Nesta ocasión tócalle o turno á música de cámara da man do trío Cassadó que ofrecerá mañá, mércores, 9 de abril, un concerto no Auditorio a partir das 20:00 horas. A entrada é de balde.

O trío Cassadó compóñeno Yulia Petrushevskaya (violín), Thomas Piel (violonchelo) e Javier Vila (piano). Esta formación de música de cámara nace como consecuencia dunha longa amizade musical e de diversos encontros camerísticos por toda a xeografía galega e española.
O seu repertorio está constituído por obras de E. Vila, R. Groba, W. Killmayer, Shostakovich, Cassadó, Turina, Scriabin, Granados, Brahms, Tchaikovsky, Schumann ou Mozart, incorporando así non seus programas tanto a compositores "clásicos" coma a autores do século XX e XXI.

O Trío Cassadó gravou en 2012 un dobre cedé para a Radio televisión de Galicia no cal renden tributo á música rusa e ao simbolismo e nacionalismo galegos. Recentemente, actuaron no LVI Curso Internacional de Música en Compostela como artistas convidados.

O concerto de mañá terá unha primeira parte na que se interpretará o Trío nº2, op.67 de Dimitri Shostakovich e unha segunda na que a formación tocará o Trío op.50, "In memory of a great artist", P.I. Tchaikovsky.

PROGRAMA

Trío Trío nº2, op.67 de Dimitri Shostakovich
I. Andante- Moderato- Poco più mosso
II. Allegro con brio
III. Largo
IV. Allegretto-Adagio

Trío op.50, "In memory of a great artist", P.I. Tchaikovsky
I. Pezzo elegiaco: Moderato assai- Allegro giusto- In tempo molto sostenuto- Adagio con duolo e ben sostenuto- Moderato assai- Allegro giusto
II. Tema con variazioni: Andante con moto

Publicar un comentario Disqus

 
Top