Compartir:
0

ARRANCAN AS LABORES DE RECUPERACIÓN E POSTA EN VALOR DO XACEMENTO ARQUEOLÓXICO DO CASTRO DA CIDÁ

Un equipo de quince persoas traballará in situ ao longo de catro meses para comezar a desentrañar ossegredos dun enclave no que nunca se realizou unha escavación científica

A topografía do terreo e unha fotografía aérea dos anos 50 apuntan a que se trataba dun castro importante, circunvalado por dúas murallas e unha terceira parcial que protexía o acceso máis feble

Santa Uxía de Riveira, 2 de abril de 2014.- A que con toda probabilidade é escavación arqueolóxica máis importante na historia do municipio de Riveira acaba comezar. Coincidindo co arranque do mes de abril principiaron tamén os labores de recuperación patrimonial e posta en valor do xacemento de Castro da Cidá, en Carreira: unha das actuacións incluídas dentro do proxecto Riveira Atlántica 2015, que está cofinanciado nun 70% con fondos europeos Feder.

Co arqueólogo Miguel Ángel Vidal como director de obra, a empresa Arqueología do Noroeste é a encargada de realizar esta actuación, cun equipo formado por 15 persoas.

Xacemento virxe

As expectativas do que pode deparar esta actuación son enormes, dado que se trata dun xacemento virxe, que nunca foi obxecto dunha escavación científica. De feito, os maiores indicios que anticipan o que alí pode haber proveñen dunha fotografía aérea sacada polos Estados

Unidos na década dos cincuenta do século pasado, una época en que por mor da sociedade agraria imperante o monte estaba moito máis limpo e libre de maleza que na actualidade. Esta fotografía, sumada ao releve topográfico e a morfoloxía do terreo, son os que inducen a presumir que era un castro importante, rodeado de dúas murallas que circunvalan totalmente o poboado (tamén habería vivendas entre ambos recintos), máis unha terceira exterior, de carácter parcial, que estaba ubicada no acceso defensivamente máis feble e vulnerable.

Non obstante, son case totais os segredos que aínda quedan por desentrañar. Tal e como explica Miguel Ángel Vidal, a época da idade de ferro comezou no século IX a.c. e rematou no século II d.c. e nestes máis de dez séculos –e a pesares de manterse unha mesma tipoloxía urbana en canto á estrutura das aldeas- se produciron moitos cambios na sociedade castrexa.

Co fin de concretar a data de Castro da Cidá e “facer un discurso histórico” do que alí aconteceu, o equipo –formado na súa maior parte por arqueólogos- realizará en primeiro lugar un traballo de campo ao longo de catro meses. De abril a xullo, escavaranse diversas áreas do xacemento e se acometerá a restauración e consolidación das estruturas que se atopen (de feito, parte dos técnicos estaban inmersos xa no día de hoxe na recuperación dunha vivenda semivisible)

Ao longo doutros dous meses se procederá a analizar toda a información recollida e constituír unha memoria técnica, ademais de sinalizar o castro e instalar paneis divulgativos para que o visitante saiba da riqueza deste contorno.

Espectacularidade natural

Esta actuación municipal que marca o inicio da recuperación do Castro da Cidade posúe unha importancia dobre, pois ademais da relevancia histórica do xacemento e o seu enorme potencial no eido do turismo patrimonial, súmase tamén a espectacularidade natural do enclave, situado no cumio do monte da Cidá e con asombrosas vistas á ría de Arousa, ao parque dunar, ao cabo Corrubedo ou á serra de Barbanza.

Prensa Concello de Riveira

Publicar un comentario Disqus

 
Top