Compartir:
0
A CONFERENCIA “QUERIDO CADÁVER”, MAÑÁ NO XUÑO DA CULTURA E AS ARTES DE RIVEIRA POR INICIATIVA DO CLUB EXXPOPRESS

Santa Uxía de Riveira, 9 de xuño de 2014- O Xuño da Cultura e as Artes albergará mañá martes diversas propostas de interese.
Unha delas será a conferencia “Querido cadáver”, que impartirá no Centro Cultural Lustres Rivas o presidente do Club Exxpopress de Xornalistas de Galicia, Suso Souto. Durante a súa ponencia, Souto esbozará unha crónica negra de ilustres personaxes do século XX nun acto que dará comezo ás 20.30 horas. A entrada será libre e gratuíta.

Outra atractiva acción será o Flashmob que levará a cabo a Coral Polifónica Municipal de Riveira ás 19.30 horas na praza do Concello. Os integrantes deste colectivo dirixido por Enrique Paisal deleitarán aos espectadores cunha actividade sorpresa que a ninguén deixará indiferente.

Ademais, a Asociación de Amas de Casa de Riveira celebrará unha clase de portas abertas de zumba no CEIP O Grupo, entre as 21 e as 22 horas.

Visita do colexio Xulio Camba

Por outra parte, o parque periurbano de San Roque recibirá a partir das 16 horas a visita de alumnos de Primaria do colexio Xulio Camba de Vilanova de Arousa. Alí terán a oportunidade de coñecer os recursos naturais do recinto e máis visitar as exposicións permanentes que se exhiben no Centro de Interpretación Arqueolóxica.

Completa a xornada a exposición “Versións de Vanguarda” que se exhibe na Casa da Xuventude iniciativa do colexio Galaxia (9 a 14 horas).

Publicar un comentario Disqus

 
Top