Compartir:
0

A ESCOLA UNITARIA DE ARALDE E O CEIP VILAXOÁN GAÑAN O VIII PREMIO PARA A
IGUALDADE NA ESCOLA


O xurado salientou a calidade dos seis proxectos que concorreron ao concurso

Vilagarcía, 18 de xuño de 2014.- O proxecto presentado pola Escola Unitaria de Aralde-Sobrán foi o gañador da oitava edición do Premio para a Igualdade na Escola "IgualDá" convocado polo Concello de Vilagarcía dende a súa Área de Igualdade. O xurado tamén acordou conceder o segundo premio á iniciativa elaborada de forma conxunta pola ANPA e o CEIP Vilaxoán. Os dous centros recollerán mañá os premios, dotados con 1.000 e 5000 euros respectivamente, nun acto a celebrar no Concello.

Con este certame, a área que dirixe a concelleira Ángeles Rodríguez, pretende educar e sensibilizar á poboación dende a infancia e nas distintas fases do ensino sobre a igualdade e a corresponsabilidade entre xéneros e erradicar a violencia de xénero a través de proxectos educativos a desenvolver nos centros de Infantil, Primaria, Secundaria e Bacharelato do municipio.
Este ano presentáronse ao concurso seis proxectos educativos: un presentado por unha ANPA, tres por centros educativos, e dous deles, conxuntamente pola ANPA e o centro educativo. Segundo a avaliación realizada polo xurado, tódolos proxectos, desenvolvidos ao longo do curso que está a piques de rematar, destacan pola súa calidade e por cinguirse aos obxectivos da convocatoria. Os criterios de valoración polos que se guiou o xurado para fallar o Premios serán a calidade e o carácter innovador das propostas, a capacidade de implicar a outros membros da comunidade educativa, a coherencia coas actuacións propostas, a transferencia de resultados á práctica docente cotiá, e a sinerxia da propostas.

"A corresponsabilidade e a coeducación en Aralde" é o título do proxecto que fico merecedora á EEI Aralde-Sobrán de gañar esta edición do certame. A proposta foi dirixida pola directora da escola, e posto en marcha polo profesorado da mesma xunto cos pais e nais do centro. É un proxecto que integraron dentro da súa programación anual, no que, a través de actividades cotiás na escola, e tamén a través de xogos, contos, composición de cancións, implicación das familias en actividades concretas deseñadas a prol da igualdade, permitiralles aos nenos e nenas a reflexión sobre o papel de homes e mulleres na sociedade.
Esta iniciativa traballa a corresponsabilidade, os roles e estereotipos (na vida diaria, nos xogos e xoguetes, nas tarefas domésticas…), a visibilidade das mulleres, a educación emocional e a implicación dos pais na vida do centro, fomentando ademais o seu papel como coidadores, que tradicionalmente estaba asociado só ás nais.

O segundo premio foi para a ANPA do CEIP Vilaxoán, en colaboración co profesorado, e leva por título "Meu pai cóidame". Esta iniciativa partiu da ANPA e contou coa colaboración de todo o profesorado do centro.
O eixo central deste proxecto é enfrontar aos rapaces e rapazas a situacións cotiás para que reflexionen acerca do papel que ocupan homes e mulleres na sociedade con obxectivo de mellorar a convivencia. A iniciativa integrouse no Plan de convivencia do colexio e centrouse no fomento da corresponsabilidade, a través de fomentar a participación da figura masculina no ámbito educativo. Isto serviulles ademais para traballar o respecto á identidade das mulleres, os roles e estereotipos sexistas na vida cotiá, eliminar posibles estereotipos sexistas do currículo oculto e educar para previr a violencia de xénero mediante o desenvolvemento de habilidades para a resolución pacífica dos conflitos.
Os outros catro proxectos que concorreron ao concurso foron "Proxecto educativo para a Igualdade", do CEIP Rubiáns; "O cambio está nas nosas mans", da escola Infantil A Galiña Azul; "Xornadas de Igualdade no Anexo", da Anpa Doutor Fleming e o CEIP Anexo A Lomba; e "Somos diferentes. Somos iguais", da Anpa do Vagalume.

O xurado estivo composto pola Concellería da Área de Igualdade, Ángeles Rodríguez, a Concelleira de Educación, Rocío Llovo, unha persoa do Consello Local da Muller e outra do Consello Escolar Municipal.

Publicar un comentario Disqus

 
Top