Compartir:
0
As sesións impárteas a concesionaria do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) ao longo do mes de novembro

A asistencia é libre e de balde e non se precisa inscrición


Vilagarcía de Arousa, 8 de novembro de 2014.- A Área de Servizos Sociais do Concello organiza en colaboración coa empresa con cesionaria do Servizo de Axuda no Fogar un ciclo de talleres aberto a toda a poboación do municipio e que está especialmente dirixido a coidadores habituais de persoas que sofren alzheimer. A actividade leva por título "Comportamento, comunicación e estratexias con enfermos de alzheimer" e as sesións celebraranse os martes, mércores e xoves do mes de novembro, no Auditorio Municipal.

As sesións serán impartidas por profesionais e persoal técnico da empresa Clece, a concesionaria do Servizo Municipal de Axuda no Fogar. Celebrarase no seminario número 1 do Auditorio Municipal os días 11, 13, 18, 20, 25 e 27 de novembro, sempre en horario de 16 a 19 horas. Os contidos das actividades resultarán moi utis e interesantes a todas aquelas persoas que teñen ao seu cargo e coidado a un enfermo de alzheimer en calquera dos seus graos, e o que se pretende con esta actividade é tanto facilitar a mellor atención a estas persoas como tamén facilitar aos seus coidadores as ferramentas precisas para saber atender as necesidades concretas do enfermo á vez que axudarlles a desenvolver esta dura labor intentando non caer no desánimo e desgastándose o menos posible.

Este ciclo de talleres enmárcase no programa de actividades complementarias que a Concellería de Traballo e Benestar, a través da súa Área de Servizos Sociais, incluíu como unha das cláusulas do contrato do servizo de Axuda no Fogar a cumprir pola concesionaria. Con elo, o departamento que dirixe Elena Suárez, pretende que o servizo non se limite aos usuarios do mesmo, senón que toda a poboación poida beneficiarse de temas de interese, como este do alzheimer, sexan ou non beneficiarios do programa de Axuda no Fogar. A ciclo non lle supón custe algún ao Concello. Xa o ano pasado impartiuse algunha actividade deste tipo, como a charla "Alzheimer: Coidemos ao coidador".

Publicar un comentario Disqus

 
Top