Compartir:
0

CONCENTRACIÓN  DE EMIGRANTES RETORNADOS (16dic)

Martes 11:00h, en Axencia Tributaria de Vilagarcía

Concentración Emigrantes Retornados do Salnés

A plataforma de emigrantes retornados do Salnés concentraráse hoxe martes, 16 de decembro, diante da delegación de Facenda de Vilagarcía de Arousa ás 11:00 h.

O ministerio de Montoro e o PP non cumpriron coas nosas demandas, segue habendo un trato inxusto entre aquelas persoas, xubiladas ou non, emigrantes ou non, que reciben unha ou mais pagas e poñemos un exemplo: Un pensionista que perciba ingresos anuais por 12.000 euros do Estado español está exento de presentar declaración, si a percibe de fora(aínda que sexa nunha soa paga) deberá presentar declaración e pagar 393,20 euros.

Este é un exemplo cun so pagador, no primeiro caso do Estado español exento de tributación, no segundo con pagador dun estado estranxeiro hai que pagar. É un exemplo, si isto o levamos á existencia de mais dun pagador xa sexan pensionistas ou non, a sangría da administración de facenda multiplícase.

Crónica

O COLECTIVO DE EMIGRANTES RETORNADOS DO SALNÉS, CONCÉNTRASE DIANTE DA DELEGACIÓN DE FACENDA DE VILAGARCÍA, NON CONFORMES COA MODIFICACIÓN DA LEXISLACIÓN TRIBUTARIA QUE NON ATENDE AS SÚAS DEMANDAS

Rexistran escritos individuais reclamando modificacións lexislativas concretas para evitar novos problemas aos afectados

En datas recentes aprobouse a lei 26/2014 pola que se modifican a Lei 35/2006, de 28 de novembro, do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas, o texto refundido da Lei do Imposto sobre a Renda de non Residentes, aprobado polo Real Decreto Lexislativo 5/2004, de 5 de marzo, e outras normas tributarias que logo da súa lectura e en relación coa problemática tributación das pensión dos e das emigrantes retornadas aprécianse as seguintes deficiencias:

1.- Persiste unha grave discriminación xa que non se revisou a cuestión dos dous pagadores nin se permite que como no caso dos pensionistas que nunca emigraron, teren un réxime de retencións tal e como dispón o artigo 96 da lei 35/2006. Desta forma en diferentes tramos retributivos existen grandes diferenzas de tributación por IRPF en cantidades idénticas.

2.- Ábrese un período de regularización de 6 meses, que tamén terá carácter "retroactivo", toda vez que terán que realizar a tributación correspondente aos catro exercicios anteriores. De igual xeito aos que xa "regularizaron" a súa situación con anterioridade, tamén se lles aplica esa retroactividade, xa que devólvenlles os importes correspondentes ás sancións, recargas e intereses, pero non as cantidades pagadas en concepto de débeda tributaria.

3.- A devolución das sancións, recargas e intereses non se vai realizar de oficio, obrigando ás persoas interesadas a facer os trámites ante a Axencia Tributaria coa dificultade de teren que elas mesmas realizar os cálculos dos importes de cada un dos conceptos.

4.- Existen numerosas e variadas casuísticas dos emigrantes retornados ás que o articulado non só non da ningunha solución senón mesmo que abre novas dúbidas e posíbeis interpretacións o cal vai motivar moitos problemas para as persoas afectadas, obrigándoas mesmo a incorrer en gastos xudiciais na defensa dos seus dereitos:

• Tratamento das pensións por invalidez. Están exentas de tributación no estado español as pensións por invalidez absoluta, porén non se lles recoñece ese dereito aos retornados en moitos casos por un simple problema de nomenclatura. Debería establecerse expresamente que a estes efectos as declaracións de invalidez dos países de procedencia teña plenos efectos e establecer as equivalencias en función da porcentaxe da invalidez e non da súa denominación

• Convenios coa seguridade social para ter dereito á asistencia sanitaria ou pago no país de orixe. Moitos emigrantes retornados para teren dereito á asistencia sanitaria teñen que ter un convenio ou ben no país de orixe con algunha entidade ou coa TXSS, polo cal teñen que pagar unhas cantidades mensuais. Porén non se establece idéntico tratamento ao establecido para as cotizacións dos e das traballadoras.

• Problemas coas pensións do 2º Piar. En moitos países as pensión do chamado segundo piar, aínda sendo obrigatorias están xestionadas por fondos de pensións, polo tanto a AT considera que teñen a consideración de pensión privadas cando existe xurisprudencia que mantén o contrario.

• Dupla imposición. Malia que as normas da OCDE establecen que non debe existir dupla imposición non se establecen medidas para evitala. En moitos casos esas pensións do 2ª piar xa tributan no país de orixe sen que a AT as considere excluídas de tributación aquí. Imponlle novamente aos retornados unha carga de burocracia e de litixios para defender os seus dereitos.

Por todas as razóns expostas, SOLICITA:

Que á vista das consideracións anteditas por parte da Axencia Tributaria se adopten as seguintes decisións e se arbitren as medidas pertinentes para a súa verificación:

a) Que o procedemento que se arbitre para a regularización sexa de oficio, de xeito que por parte da AEAT se devolvan, ademais do ingresado por sancións, recargas e xuros, as cantidades pagadas en concepto de débeda tributaria por non existir un criterio firme respecto da tributación das pensións procedentes do exterior, ao haber sentenzas xudiciais firmes que anularon liquidacións en casos de pensións de emigrantes retornados.

b) Que se aborde unha regulación legal clara e precisa sobre a tributación das pensións dos emigrantes retornados, partindo do principio de non discriminación respecto da tributación doutras pensións, para que dispoñan dun marco tributario homoxéneo para todas as pensións, incluíndo particularmente as exencións de presentar declaración do IRPF de non superar determinados umbrais de rendas.



Plataforma de Emigrantes Retornados do Salnés.
Suscríbete a Arousa TV por correo

Publicar un comentario Disqus

 
Top