Compartir:
0
preme para aumentar

A CIRCULACIÓN RODADA POR JUAN CARLOS I VERASE AFECTADA A PARTIR DO MÉRCORES POLAS OBRAS DE SANEAMENTO

As obras realizaranse á altura da Praza da Constitución pero o limítase a un carril de sentido a Pontevedra dende o cruce de Santa Lucía ata a Praza de Ravella

Para ir a Carril dende Ravella deberá bordearse o Concello e tomar pola zona da Escardia para saír a santa Lucía ou a subida á estación

O luns e o martes levaranse a cabo as labores de sinalización para que o mércores poida comezar a obra

As obras de renovación e mellora de puntos problemáticos da rede de saneamento chegan a mediados da semana que ven á avenida Juan Carlos I. Aínda que os traballos só se desenvolverán á altura da Praza da Constitución, a súa execución obriga a limitar a vía a un só carril da circulación e realizar os correspondentes desvíos. As medidas sinalizaranse o luns e martes xa que está previsto que a obra comece o mércores. Aproveitando as obras do saneamento, a empresa concesionaria do abastecemento da auga tamén renovará a súa rede nese mesmo tramo.

A renovación da rede municipal de saneamento en Juan Carlos I limítase ao tramo comprendido entre o paso de peóns da igrexa dos Pais Claretianos ata o comedor social de Cáritas. Por tratarse dunha travesía cunha densidade de tráfico moi elevada, será preciso desviar a circulación para garantir a fluidez da mesma.

Dende a Praza de Ravella e ata o cruce con santa Lucía, a avenida limitarase durante as obras a un só carril da circulación que operará en sentido a Pontevedra.

O tráfico con destino a Carril deberá desviarse en Ravella polo lateral do Concello, xirar na Praza de Xoán XXIII e seguir pola rúa Ramón López Piñeiro (a do asilo) para saír por Santa Lucía ou por Moreira casal cara o Ramal.

O tráfico procedente de Carril con destino a Rubiáns pode desviarse xa no Ramal por Rivero de Aguiar ou seguir polo único carril habilitado en Juan Carlos I.

En todo caso, aconséllase aos vehículos de paso ou que se trasladen dun extremo a outro do municipio, que opten por usar as vías de circunvalación.
A duración dos traballos e, polo tanto, do vigor destas medidas de tráfico, dependerá do estado que se atopen as canalizacións dos distintos servizos que descorren pola zona e do trazado dos mesmos.

Co proxecto de Acondicionamento da rede de saneamento preténdense resolver problemas en puntos conflitivos da rede nunhas zonas, e ampliar os servizos noutras. A obra adxudicouse a Covsa por 123.297'82 euros que se financian con cargo ao Plan Municipal de Investimentos 2014.

Este proxecto prevé actuar en cinco puntos do municipio. Ademais de Juan Carlos I, tamén se realizarán obras á altura do número 65 de Rosalía de Castro, estase a rematar en López Ballesteros e xa en execución na Rúa Figueira. Os traballos na Rúa do Adro, en Cornazo xa concluíron.

Reposición de firme e substitución do abastecemento de auga

O proxecto inclúe un tratamento especial para as obras a desenvolver en tramos de vías que soportan un importante fluxo circulatorio, como no cruce de Rosalía de Castro e en Xoán Carlos I onde, unha vez rematada a obra do saneamento, prevese o fresado da capa de rodadura do firme en toda a sección transversal da vía e o asfaltado do mesmo. Tamén se reporá toda a sinalización horizontal.

O proxecto ten un prazo de execución de 3 meses e, unha vez recepcionada a obra por parte do Concello, abrirase un prazo de garantía de 12 meses durante os cales, calquera deficiencia ou avaría debe ser arranxada e asumido o seu custe por parte da adxudicataria
Suscríbete a Arousa TV por correo

Publicar un comentario Disqus

 
Top