Compartir:
0

TRINTA E TRES FOTOGRAFÍAS E DEZASEIS ESCAPARATES OPTAN AOS PREMIOS DOS CONCURSOS DA EXPOSICIÓN DA CAMELIA

Os traballos fotográficos exporanse en Fexdega no marco do certame floral desta fin de semana

Os escaparates dos comercios deberán exhibirse ao público o sábado e o domingo

>> ver actos da Camelia na axenda da GUÍA DE VILAGARCÍA

Vilagarcía prende xa a mecha para o gran prendido da LI Concurso exposición Internacional da Camelia que se celebra esta fin de semana no recinto multiusos de Fexdega. Como aperitivo e complemento ideal ao certame floral, xa están en marcha os concursos de fotografía e de ornamentación de escaparates cuxos traballos tamén se poderán admirar esta fin de semana. Trinta e tres imaxes e dezaseis escaparates optan aos premios.

O concurso de ornamentación de escaparates con motivo da Festa da Camelia segue contando coa implicación do sector comercial da cidade que este ano participa cun total de 16 establecementos no certame que ten como obxectivo contribuír a exaltar a beleza da flor das Rías Baixas aproveitando a celebración da Exposición Internacional. Entre os concursantes hai negocios de todo tipo, dende tendas de moda e complementos, a tendas de decoración, plantas, papelerías e ata ópticas.

Os comercios deberán empezar a engalanar os seus escaparates o venres, 13 e entre os elementos decorativos terán que incluír as camelias en calquera das súas versións. Un xurado nomeado polo Concello visitará os comercios o sábado pola mañá para valorar os seus escaparates e emitir o fallo do único premio que se concede, dotado con 300 euros.

No caso do Concurso Fotográfico da Camelia, que se convoca por vez primeira este ano, o número de participantes ascende a 11, cada un dos cales presenta tres obras, número máximo previsto nas bases. Por tanto, o xurado composto por profesionais da fotografía, deberá avaliar as 33 imaxes que concorren ao certame. Tamén neste caso concederase un único premio, consistente en 300 euros e un curso básico de fotografía dixital de 10 horas a impartir en Centro Imaxe.

As fotografías presentadas ao concurso exporanse en Fexdega o sábado e domingo, no mesmo recinto no que se celebrará o recoñecido certame floral.
Suscríbete a Arousa TV por correo

Publicar un comentario Disqus

 
Top