Compartir:
0

A CONFERENCIA "LÁNZATE, AGORA É O MOMENTO" ABRE MAÑÁ O CICLO FORMATIVO EMPRENDE-VGA

Ata o 15 de xuño se desenvolverán diversas actividades para fomentar o emprendemento

Está destinado a xente con ideas, a quen está iniciando un negocio e a quen leva xa moitos anos e precisa adaptarse aos novos tempos

En total se ofertan 900 prazas e a inscrición é gratuíta

Unha conferencia de dous expertos en marketing e innovación, Roberto Pérez Marijúan y Juan José Romero Crusat (ambos de Suma Importancia), titulada "Lánzate, agora é o momento", abre hoxe mércores, ás 20,45 horas, no Salón García, o ciclo formativo que durante dous meses achegará ao público todas as posibilidades que ofrece o emprendemento como futuro laboral. Durante esas nove semanas se desenvolverán ata vinte actividades distintas, unhas máis curtas e outras máis densas, dende pequenas charlas nunha cafetería (afterwork) ata toda unha semana de mentorización (mentoring) para acompañar persoalmente a posta en marcha de ideas de negocio que previamente foron seleccionadas. Cun marcado carácter práctico, a iniciativa está dirixido a tres públicos moi definidos: aqueles que teñen unha idea e precisan saber cómo materializala, aqueles que sendo emprendedores están nos inicios do seu negocio e aqueles que xa xestionan un establecemento ou empresa con moitos anos pero necesita adaptarse aos novos tempos.

As xornadas formativas, baixo o nome de EmprendeVGA, son promovidas pola Concellería de Formación e Emprego, que dirixe Elena Suárez, coa organización técnica do Coworking DaqueqDalle, da propia Vilagarcía. Na web creada ex profeso para a ocasión, www.emprendevga.com, os interesados poden obter toda a información precisa, dende o programa completo ao currículo de cada ponente. Igualmente, e de xeito moi sinxelo, poden inscribirse de forma gratuíta. Salvo a conferencia inaugural, mañá, no Salón García, no que a entrada é libre, no resto de actividades hai un cupo de participación, normalmente de 25 persoas.

EmprendeVGA comeza mañá cunha conferencia sobre o onde, cando e como do comezo dun negocio, confrontando os aspecto positivos, como a realización persoal e profesional e os negativos, é o caso do medo a fracasar ou perder os cartos investidos.

O ciclo pechará o 15 de xuño cunha gran xornada na que se porán en común diversas experiencias e os participantes no ciclo poderán coñecer máis de preto casos de éxito ou como financiar o comezo dunha empresa coa presenza de axentes reais que o poden facilitar.

Publicar un comentario Disqus

 
Top