Compartir:
0

O CONCELLO ABRIRÁ O COMEDOR DO COLEXIO DA LOMBA DURANTE O VERÁN PARA FAVORECER A CONCILIACIÓN E GARANTIR A CORRECTA ALIMENTACIÓN DOS MÁIS NOVOS.

O goberno de Alberto Varela celebra o cambio de actitude da Xunta, malia que non colaborará co servizo máis que permitindo a apertura dun só centro.

A concelleira de Benestar, Tania García, xa puxo en marcha o proceso para contratar unha empresa de cátering e abrir a inscrición o antes posible a fin de comezar o 15 de xullo.

Para futuras edicións, o goberno local pretende ligar a oferta de comedor á das ludotecas de verán.

En principio se ofertarán cen prazas

Vilagarcía, 27 de xuño de 2015.- O Concello de Vilagarcía contará este ano co seu primeiro servizo de comedor escolar durante o verán. Este foi un dos principais compromisos do goberno de Alberto Varela e tamén unha das súas primeiras xestións. Este mesmo venres a Consellería de Educación respondeu positivamente á petición realizada en días pasados polo alcalde. Aínda que de xeito parcial –a administración autonómica só permitirá a apertura dun comedor e non participará no financiamento do servizo-, o goberno local celebra o cambio de actitude da Xunta ante un evidente problema, que ten dúas vertentes: por unha banda, a necesidade de facilitar a conciliación da vida laboral e familiar, e, por outra, a obriga de garantir a correcta alimentación daqueles rapaces pertencentes a familias con escasos recursos.

Combinar ambas facetas é o obxectivo do goberno local e por iso para vindeiras edicións o equipo que dirixe Alberto Varela plantéase ofertar o servizo de comedor escolar coincidindo coas ludotecas. Neste ano, por exemplo, las actividades de lecer con monitor se desenvolven nas instalacións de Fexdega e o comedor funcionará no colexio da Lomba.

A intención é que o servizo de comedor escolar comece a funcionar o vindeiro 15 de xullo. Tendo en conta que a autorización da Xunta acaba de chegar, o tempo é moi escaso para poñer aquel en marcha. Por iso, a concelleira de Benestar, Tania García, xa se puxo en contacto coa Secretaría Xeral, Contratación e os Servizos Sociais para que axilicen todos os trámites a fin de contratar con carácter inmediato unha empresa de cátering especializada en menús escolares e, ao tempo, se establezan os baremos para facer a convocatoria das prazas –en principio cen- nos vindeiros días.

Publicar un comentario Disqus

 
Top