Compartir:
0

A BICI VENCE NA "CARREIRA DE MEDIOS" UTILIZANDO MENOS DA METADE DO TEMPO QUE UN COCHE PARA CUMPRIR AS CINCO ETAPAS

En segundo lugar quedou a moto, seguida do peón, que concluíu por diante de taxi e coche

A bicicleta resultou clara vencedora da "carreira de medios" que hoxe enfrontou a este medio de transporte cunha motocicleta, un peón, un taxi e un coche particular dentro dos actos de celebración da Semana Europea da Mobilidade. A proba estivo protagonizada polo alcalde, Alberto Varela (peón); a concelleira de Urbanismo, Paola María (bici); o portavoz do PP, Tomás Fole (moto); o voceiro do BNG, Xabier Ríos (coche particular); e o de Somos Maioría, Gaspar González (taxi). Durante a proba cada un deles, acompañado por un xuíz-árbitro, tiña que cumprir cinco etapas, de xeito aleatorio, selando unha tarxeta: Casa consistorial, ambulatorio, escola de idiomas e praza de abastos, con meta na Alameda.

Foi precisamente desta onde comezou a proba. Os tempos finais foron estes: a bicicleta, con Paola María como participante e Gustavo César Veloso coma xuíz, fixo o percorrido en 22 minutos e 40 segundos. Pouco máis de 3 minutos despois chegou Tomás Fole sobre a moto que prestou para a ocasión Motobazar (25:48). Xa a máis distancia rexistrouse quen utilizou o taxi, Gaspar González (34:12), seguido do peón (Alberto Varela, 39:10) e o usuario do coche particular, Xabier Ríos (48:03), que precisou de máis do dobre do tempo que a bicicleta e case dez minutos máis que un peón para cumprir coas cinco etapas.

Tendo en conta os baremos establecidos para a proba –ademais do tempo, o custe- a clasificación final foi: bicicleta, moto, peón, taxi e coche. Todos os participantes, como os membros da Asociación Arousa en Bici, coincidiron en que este tipo de experiencias non fan máis que ratificar a conveniencia de renunciar ao automóbil para desprazarse pola cidade, non só por unha cuestión de tempo, senón tamén de saúde e de medioambiente.

Publicar un comentario Disqus

 
Top