Compartir:
0

O GOBERNO PROPÓN AO PLENO DESESTIMAR A DESCATALOGACIÓN DA CASA BECERRA

Tense en conta o informe de Patrimonio a favor de manter a protección do inmoble de 1939 como referente da arquitectura moderna en Galicia

A Secretaria municipal avala que o informe de Patrimonio non é extemporáneo, como defendían os propietarios

A Corporación Municipal de Vilagarcía decidirá o xoves o futuro da Casa Becerra. O goberno local eleva propón ao Pleno desestimar a descatalogación do inmoble situado a pé da Avenida Rosalía de Castro en base ao informe emitido no mes de xaneiro pola Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta, favorable a manter a protección dun dos escasos referentes da arquitectura moderna que se conservan en Galicia.

O expediente de descatalogación do edificio iniciouse a solicitude da propiedade e xerou unha polémica social por parte de sectores que defendían o valor patrimonial e histórico do inmoble. Ao tratarse dun inmoble incluído no Catálogo Municipal de Bens a Protexer, o Concello solicitou a opinión de Patrimonio que informou desfavorablemente á descatalogación ao considerar que debía manterse a protección da construción. O informe de Patrimonio paralizou o expediente e en desposta, os propietarios alegaron ao Concello que a resolución chegara fora de tempo. Agora, a secretaria municipal avala xuridicamente que o informe de Patrimonio non é extemporáneo, polo que resolve que o Concello debe telo en conta.

A construción da Casa Becerra data do ano 1939 e é obra do arquitecto Juan Argenti Navajas. Trátase dun edificio innovador para a súa época xa que é un dos primeiros exemplos da arquitectura moderna en Galicia e dos poucos que se conservan en pé, de aí o seu valor e interese.

Publicar un comentario Disqus

 
Top