Compartir:
0
exemplo de bicicleta usada pola policia en outras cidades

A POLICÍA LOCAL DE VILAGARCÍA PATRULLARÁ EN BICICLETA POLAS RÚAS PEONÍS E PASEO MARÍTIMO 

O goberno local ten previsto poñer en marcha este novo servizo ao longo de 2016 

O concelleiro de Seguridade Cidadá xa incluíu a compra dos vehículos na partida correspondente dos Presupostos Municipais 

Vilagarcía de Arousa, 02 de xaneiro de 2016.- O goberno local pretende crear un novo servizo para mellorar a presenza da Policía Local nas rúas, en especial para axustar o sistema de patrullas á nova situación que supón que cada vez haxa máis rúas e zonas peonalizadas. Para adaptarse á realidade, os axentes patrullarán en bicicleta por estes lugares. A intención do concelleiro de Seguridade Cidadá, Juan Antonio Pérez Callón, é que comece a rodar de cara ao verán.

O edil Policía explicou que a partida para a Policía prevista no proxecto dos Presupostos Municipais de 2016 recolle xa unha suma para a adquisición das bicicletas. Este tipo de servizos xa s presta en moitas cidades polo que seguirase o modelo de uniformidade e mesmo de vehículos que mellores resultados estea dando. O proxecto xa se falou cos mandos da Policía para ir organizando esta nova modalidade de servizo.

As patrullas en bicicleta son as que mellor se adaptan ás zonas peonís e tamén permitirán unha presenza policial máis intensa ao longo do paseo marítimo e carril bici. Isto enlaza coa política de mellora da mobilidade que plantea o goberno local para toda a cidade, apostando polo uso de transporte colectivo e bicicleta en detrimento dos coches particulares, tanto a efectos de desprazamentos cotiás como para pasear ou facer cicloturismo. Hai que ter en conta tamén que o Concello ten a intención de ir estendendo paulatinamente a rede de carril bici.

Publicar un comentario Disqus

 
Top