CONCELLO E COLEXIOS ELABORARÁN UN PLAN DE MANTEMENTO


CONCELLO E CENTROS EDUCATIVOS ELABORARÁN UN DOCUMENTO CONXUNTO PARA PLANIFICAR MELLORAS E TRABALLOS DE MANTEMENTO NOS COLEXIOS


A concelleira de Educación e sete directores mantiveron unha reunión de traballo que Llovo cualificou de "cordial e moi produtiva"

A edil recibe a vindeira semana aos representantes da Coordinadora das ANPAS

Vilagarcía, 19 de marzo de 2014.- A Concellería de Educación reunirá nun documento único as necesidades e demandas de todos os centros educativos do municipio a efectos de planificar as melloras e traballos de mantemento que precisan os colexios. Este documento realizarase a través da lista de necesidades que presentarán as direccións dos colexios, tal e como se acordou na xuntanza de traballo que este mediodía mantivo a concelleira, Rocío Llovo, con directores de sete centros.

A edil cualificou o encontro como "cordial e moi produtivo" xa que se puxo de manifesto a intención de colaborar de forma conxunta para poder ir resolvendo as necesidades e demandas que presentan os colexios en Vilagarcía. Como máximos responsables e mellores coñecedores das necesidades e do día a día nos seus respectivos centros, as direccións comprometéronse a remitir á concelleira as súas correspondentes listas, nas cales xa irán diferenciadas as actuacións que correspondería realizar ao Concello e ás que competen á Xunta de Galicia.

Visión conxunta e plan de prioridades

Este documento permitirá ter unha visión conxunta das necesidades dos centros educativos a nivel municipal e cumprirá unha dobre función. Por un lado permitirá priorizar as actuacións a realizar en base a súa urxencia e aos recursos dispoñibles, e por outro facilitará á mediación da edil ante a Consellería de Educación á hora de xestionar as demandas que cometen á administración autonómica.

Á xuntanza de hoxe asistiron os directores dos colexios A Lomba-Anexo A Lomba, Vilaxoán, Piñeiriño, Carril, Rubiáns, A Escardia e Vagalume, pero o dossier abarcará a todos os centros do municipio.

Por outro lado, a concelleira de Educación, recibirá a vindeira semana aos representantes da Coordinadora de Anpas en resposta á solicitude realizada polo colectivo.

Publicar un comentario

[blogger]

MKRdezign

Formulario de contacto

Nombre

Correo electrónico *

Mensaje *

Con la tecnología de Blogger.
Javascript DisablePlease Enable Javascript To See All Widget