Resposta das ANPAS a Consellería de Educación sobre o cheque libro

A orde do 28 de maio de 2014 pola que regulan as axudas para a adquisición de libros de texto nos
colexios sostidos con fondos públicos deixou fóra do seu ámbito de aplicación ao alumnado con Necesidades Educativas Especiais que non utilizara libros de texto, ao ser estes o único material que se podería adquirir coas axudas que regula esta orde.

A segregación que esta orde provocou neste alumnado, e nas súas familias, foi denunciada diante de todas as forzas do Parlamento galego en reunións específicas que mantivemos diferentes colectivos (Coordinadora de nais e pais do alumnado de centros educativos públicos de Vilagarcía de Arousa, FOANPAS de Vigo, FANPA de Pontevedra, FAPA Compostela, ANPA Santo Tomé de Cambados, ANPA, Torre Illa de Arousa, Asociación PorDereito, Confederación ANPAS GALEGAS, CONFAPA e un numeroso grupo de nais e pais de alumnado con necesidades especiais representando a este colectivo galego) con todas as formacións políticas representadas, e nas que esiximos un tratamento igual para todos os nenos e nenas do noso sistema educativo público, teñan ou non necesidades educativas especiais, e para as súas familias.

A resposta dos grupos políticos da oposición foi de claro apoio ás nosas reivindicacións, comprometéndose a darlles eco en sede parlamentaria; así mesmo, o voceiro do PP asegurou que se ía corrixir o “efecto non desexado”, segundo as súas palabras, que esta orde tivera, garantindo o acceso das familias nesta circunstancia ás axudas ás que tiveran dereito para a adquisición do material adaptado que os seus fillos e fillas precisaban.

Mais a demanda ao goberno galego non foi só a corrección do erro, senón tamén o recoñecemento público do mesmo, coa intención de salvagardar a dignidade do colectivo implicado; e a posta en marcha dun procedemento que permitira que as familias que se viron inxustamente apartadas dos seus dereitos puidesen facer uso dos mesmos en identidade de condicións que aqueloutras que xa foron atendidas nun primeiro momento; igualando así tanto os efectos como as actuacións que deriven da orde.

Porén, hoxe tivemos coñecemento de que a Dirección xeral de centros e recursos humanos da Consellaría de educación da Xunta de Galicia está a remitir aos centros educativos unha circular na que se solicita que sexan eles quen seleccionen qué alumnado, y en qué circunstancias, podería ter acceso ao material que necesiten; lembrándolles no mesmo documento que este material pode ser adquirido cos recursos do propio centro en agarda dun reforzamento económico futuro que realizaría a propia consellería.

Deste xeito, o dereito dunha persoa e da súa familia a ser tratada como calquera outra do seu ámbito educativo convértese nun procedemento lento e burocrático, onde inciden unha enorme multiplicidade de persoas, porque isto implica a todos os departamentos de orientación e a todos os equipos docentes galegos, coa multiplicidade de criterios que sen dúbida han xurdir desa variedade, de onde se aparta aos usuarios e ás súas familias e que novamente segrega a aqueles que teñen necesidades educativas especiais facéndolles pasar por un procedemento diferente ao dos seus compañeiros e compañeiras.

Nós rexeitamos a sobrecarga laboral que se pretende impor sobre uns equipos docentes xa insuficientes para a atención das necesidades ordinarias; así como a referencia á utilización dos recursos propios duns centros que distan moito de poder dispor de fondos para a atención de novas cargas económicas.

Pero sobre todo rexeitamos a solución que se pretende aplicar porque non garante nin a axuda en si mesma, e sobre todo obvia o que entendemos como fundamental: o dereito que ten todo o alumnado e todas as familias a seren tratadas cos mesmos procedementos, en aplicación dos mesmos dereitos, e coa mesma seguridade xurídica.

Subscríbete a Arousa TV por Email

Publicar un comentario

[blogger]

MKRdezign

Formulario de contacto

Nombre

Correo electrónico *

Mensaje *

Con la tecnología de Blogger.
Javascript DisablePlease Enable Javascript To See All Widget