ULTRANOITE NO PAIS DOS ANANOS (14feb)

Sábado, teatro en Auditorio de Vilagarcía. Entrada 5€

O GRUPO CHÉVERE, PREMIO NACIONAL DE TEATRO 2014, ABRE O CICLO DA REDE GALEGA NO AUDITORIO

O ciclo de teatro galego para o primeiro trimestre do ano chega ao Auditorio cun peso pesado. O grupo Chévere, Premio Nacional de Teatro 2014, será o encargado de abrir o ciclo financiado polo Concello e a Agadic, e a través do cal Vilagarcía acollerá catro funcións teatrais durante o primeiro trimestre do ano.

Chévere regresará a Vilagarcía, apenas dous meses despois de espallar a súa fama e calidade por todo o territorio español tras ter recibido o máximo galardón que se concede en España a unha compañía O Premio nacional de Teatro.

O grupo con sede no Milladoiro estreará o ciclo da Rede Galega no Auditorio coa representación, o 14 de febreiro, de "Ultranoite no País dos Ananos". A testemuña recóllea a compañía Voadora o 21 dese mesmo mes, para poñer en escena "A Tempestade". O ciclo proseguirá no mes de marzo coa representación de "Lúas de Outubro e Agosto" a cargo de Guadi Teatro e de "O Crédito", de Eme2 emoción@arte, os días 7 e 21.

Coa súa adhesión á programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios, o Concello de Vilagarcía segue apostando polo teatro galego e o teatro de calidade. Catro das mellores compañías da comunidade e mesmo do panorama estatal estrearán na cidade as súas últimas montaxes, ofrecendo aos vilagarciáns e aos veciños da contorna a posibilidade de gozar do mellor teatro a prezos case simbólicos. Para facilitar o acceso dos cidadáns á cultura a través do teatro mediante entradas baratas, Concello e Agadic, asinaron un convenio de colaboración mediante o que se financiar o ciclo que precisa dun orzamento próximo aos 20.000 euros. As actuacións finánciase ao 50%.

Suscríbete a Arousa TV por correo



CHÉVERE REPRESENTA NO AUDITORIO "ULTRANOITE NO PAÍS DOS ANANOS", UNHA ORIXINAL PROPOSTA DE MUSICAL, CABARET E RETRANCA
A emblemática compañía galega regresa a Vilagarcía lucindo o seu recente Premio Nacional de Teatro

En "Ultranoite no país dos Ananos" o transgresor grupo repasa con crítica e humor os últimos 20 anos de Galicia dende os espectáculos da Sala Nasa

Ao impactante look estético que lucen os actores, súmase o atractivo da música orixinal composta e interpretada en directo por Xacobe Martínez

A representación será mañá sábado, 14 de febreiro, ás 21:00 horas e as entradas xa están á venta a través de servinova a 5 euros e o día da función, na billeteira do Auditorio

Miguel de Lira animou ao público a acudir disfrazado ou de paisano á representación para logo continuar celebrando o Entroido

A compañía Chévere, referente do teatro galego independente, regresa mañá, 14 de febreiro a Vilagarcía para poñer en escena "Utranoite no país dos Ananos", un espectáculo que empapa da máis pura retranca os xéneros do musical e do cabaret, creando algo totalmente novo e puramente galego. A través dos ananos do país de Liliput, a xigantesca Chévere repasará os últimos 20 anos de Galicia tendo como leitmotiv os espectáculos das Ultranoites da emblemática e tristemente desaparecida Sala Nasa, de Santiago. Con este espectáculo ábrese o ciclo de teatro galego no Auditorio.

Chévere é unha compañía habitual nos escenarios de Vilagarcía dende hai anos, cidade á que regresa cada pouco tempo para contentar ao seu público. Sen embargo, esta non será unha ocasión máis, posto que a compañía liderada por Miguel de Lira, chega lucindo na solapa a medalla do Premio Nacional de Teatro 2014 que lle foi concedido hai pouco máis de dous meses.

Chévere inspirouse nas "Viaxes de Gulliver" de Jonathan Swift e na revisión que desta obra fixo Celso Emilio Ferreiro na súa "Viaxe do País dos Ananos" para crear "Ultranoite no país dos Ananos". E tomaron como referencia a estes dous autores "porque, coma nos, tiñan unha pluma con moita retranca e bastante mala hostia. Tiñan un lirismo insultante que nos encanta"., segundo explicou Miguel de Lira.

A compañía con sede en Teo adereza o Liliput de Swift e aos ananos galeguizados de Celso Emilio, cos seus propios ingredientes: "o compromiso coa realidade na que vivimos e cos temas que nos preocupan, coa crítica social e a filosofía e humor cheverianos". E todo iso engarzado nunha estrutura situada entre o cabaret e o musical que impregnan de retranca para crear un xénero completamente novo e integramente galaico.

Banda sonora orixinal e en directo

O aspecto musical ten moito protagonismo en "Ultranoite no país dos Ananos", tanto que a obra ten banda sonora que Xacobe Martínez interpreta en directo e para a cal incluso compuxo unha peza exclusiva.

Para Miguel de Lira, "Ultratumba no país dos Ananos" é o espectáculo "máis galego" realizado por Chévere nos últimos anos. "É tan noso, que non poderiamos representalo fora de Galicia, porque non se entendería. Non é como Eurozone, que representamos en Barcelona e Vitoria, ou como Citizen (a historia da creación do imperio de Inditex) que imos recuperar para xirar con ela e por España e incluso por Latinoamérica."

Diversión, reflexión, retranca, crítica, humor e moito espectáculo son os elementos de "Ultranoite no País dos Ananos", que se representa mañá a partir das 21:00 horas, no Auditorio Municipal. A concelleira, Rocío Llovo, animou ao público vilagarcián e da contorna a "non perderse" a representación. A Miguel de Lira non se lle escapou que a función coincide coa inicio do Entroido, polo que invitou á xente a asistir á función "de paisanos ou disfrazados", para continuar despois coas celebracións.

Entradas ao prezo reducido de 5 euros

Por tratarse dunha representación subvencionada pola Rede Galega e o Concello, a entrada ten un prezo reducido de 5 euros. As localidades pódense adquirir anticipadamente a través de www.servinova.com ou do teléfono 902 504 500 (con gastos de xestión en ámbolos dous casos). Tamén estarán á venta na billeteira do Auditorio
 
Top