"O PSOE leve toda a lexislatura sen intentar unha soa iniciativa de participación cidadá para a elaboración dos orzamentos": Por unha Marea na Vila

Por unha marea na Vila lamenta que o PSOE leve toda a lexislatura sen intentar unha soa iniciativa de participación cidadá para a elaboración dos orzamentos

Con toda probabilidade o próximo venres asistiremos a unha nova aprobación de orzamentos para Vilagarcía e farase en liña cunha tradición política que rexeitamos, porque nada ten que ver cos novos tempos que esixen unha gobernanza co pobo e para o pobo. Estes serán os terceiros orzamentos para o presente mandato e, agás algún cambio de actores e de escenificación, estase a interpretar o mesmo guión que nas anteriores ocasións. Isto é, uns orzamentos deseñados polo PSOE para maior autocompracencia do PSOE.

Mentres noutros concellos levan tempo decidindo os orzamentos de maneira participativa, en Vilagarcía non se implantou nin unha soa medida de participación cidadá a tenor disto. Non se realizaron asembleas veciñais abertas para coñecer as demandas de cada barrio ou parroquia.

Tampouco se activou o Consello local da Cultura, nin se convocou a mesa de turismo, nin se fixeron encontros cos distintos colectivos co fin de incorporar algunha das súas propostas. Non houbo un tempo de exposición pública do borrador de orzamentos para o seu coñecemento por parte da cidadanía, nin se facilitou algunha canle para que esta puidera facer achegas, e, por suposto, non se reservou ningunha partida para orzamentos participativos, por pequena que fora. Por non falar do concelleiro número 22 do que si se falou na campaña...

Somos conscientes de que a aposta pola participación cidadá é complexa e precisa dun esforzo maior que o xogo de maiorías polo que se decantou o PSOE no que levamos de mandato e tralo que se esconde un tripartito encuberto, pero debemos insistir en que só un goberno que establece un constante diálogo co pobo será quen de elaborar uns orzamentos que inclúan as súas necesidades. Non podemos excluír á xente de cuestións tan importantes e con incidencia real nas súas vidas como poden ser as medidas para o impulso do transporte público. Pero para que isto sexa así é preciso ir implantando fórmulas de participación cidadá de maneira paulatina, e non acordarse da xente só ás portas dunha nova cita electoral. Levamos tres anos de mandato e nin un só avance neste senso, toca preguntarse se a participación cidadá se inclúe no modelo de cidade do PSOE.

Por último, queremos incidir en que botamos en falta medidas que fomenten e poñan en valor a economía social como ferramenta para reactivar o tecido económico da Vila. Para construír unha cidade inclusiva, sustentable e que teña no centro as persoas que vivimos nela non se pode soster a política económica exclusivamente en fórmulas que pouco ou nada teñen favorecido isto. Por iso precisamos uns orzamentos que se sosteñan en preceptos como a participación ou a cooperación, preceptos polos que dende Por unha marea na Vila apostaremos sempre.

Por unha Marea na Vila

Publicar un comentario

[blogger]

MKRdezign

Formulario de contacto

Nombre

Correo electrónico *

Mensaje *

Con la tecnología de Blogger.
Javascript DisablePlease Enable Javascript To See All Widget