Nota de prensa de Esqueda Unida Vilagarcía:

Esquerda Unida denuncia a falta de iniciativa do Concello para promocionar Vilagarcía en Fitur

Critica a presesenza superflua do alcalde, que asistiu á feira sen unha campaña promocional

propia, incorrendo nun gasto absurdo para as arcas locais

Vilagarcía de Arousa, 26 de xaneiro de 2019. - O grupo municipal de Esquerda Unida denuncia a nula
iniciativa promocional amosada polo goberno local de Vilagarcía. Unha carencia que evidencia a
superflua actuación do Concello en Fitur. Os edís lamentan que o PSOE teña sido incapaz de aproveitar
a excelente oportunidade de situar á capital arousá no mapa dos turoperadores, dando a coñecer os
atractivos turísticos do municipio cunha campaña propia á altura. Pola contra, Alberto Varela e o seu
concelleiro de Turismo, Juan Antonio Pérez Callón, asistiron á feira máis importante do estado como
simples espectadores, incorrendo nun gasto absolutamente superfluo e inxustificado para as arcas
municipais.
O grupo municipal de EU critica que o goberno local teña acudido a Fitur coas mans baleiras. Os edís
consideran incomprensible que, no canto de aproveitar a importante cita para publicitar o destino
Vilagarcía e dar a coñecer os seus diferentes atractivos, o alcalde e o edil de Turismo teñan optado por
viaxar á feira sen ningún material nin actividade promocional propia que xustificase a súa asistencia.
A participación pasiva do goberno local deixa en evidencia a falta de ideas e a incapacidade do grupo de
Alberto Varela de actuar como o representante á altura das necesidades que Vilagarcía precisa. Un
pobre papel, que queda claro á vista da cativa axenda que os representantes municipais tiveron na
nomeada feira. E é que, tal e como destaca o grupo municipal de Esquerda Unida, o máximo
representante de Vilagarcía limitouse a asistir como oínte á presentación da campaña da Deputación de
Pontevedra e a posar para unha fotografía xunto a unha empresa da cidade que participaba no encontro.
Esquerda Unida lamenta a visibilidade practicamente nula que Vilagarcía tivo na recente edición de Fitur,
e instan ao rexedor a tomar exemplo doutros municipios. Como Lalín, que este mesmo sábado
presentou a súa Feira do Cocido na praza de abastos da capital arousá. O grupo municipal de EU critica
que a imaxe da cidade se vise diluída e non contase con entidade de seu, e insta ao goberno de Varela a
priorizar dunha vez os intereses da cidade e do seu tecido turístico e a actuar como o axente
dinamizador que esta precisa e merece.

Área Comunicación
Grupo Municipal de Esquerda Unida
Esquerda Unida Vilagarcía


Suscríbete a Arousa TV por correo
 
Top