Nota de prensa de Esquerda Unida e Somos Maioría

Esquerda Unida e Somos Maioría apostan pola unidade de forzas e pola creación dun espazo de esquerdas amplo e plural

Lamentan que as diferenzas nos tempos marcados por outras organizacións políticas teñan trastocado o proxecto da Marea na Vila no que viñan traballando Reiteran a súa vontade de sacar adiante unha candidatura conxunta, que aglutine distintas sensibilidades e na que teña cabida toda a veciñanza, máis aló de siglas

Vilagarcía, 25 de xaneiro de 2019.- Os grupos municipais de Esquerda Unida e Somos Maioría
lamentan o desaxuste nos tempos marcados polas distintas organizacións que, finalmente, non fará
posible sacar adiante a candidatura conxunta na que ambas formacións, xunto con membros doutros
espazos políticos, levaban xa moitos meses traballando. EU e Somos destacan a súa vontade de
continuar impulsando un espazo unitario e plural, capaz de dar forma a un proxecto forte e de
esquerdas ao servizo da cidadanía á marxe das diferenzas de siglas; e anuncian que continuarán
avanzando nesa liña de cara ás próximas eleccións municipais.

Esquerda Unida e Somos Maioría destacan a total sintonía conseguida entre ambas formacións logo
de moitos meses traballando man a man para levar ao Concello de xeito conxunto distintas iniciativas
que a veciñanza de Vilagarcía lles foi trasladando. Unha sintonía que non se limita a estas dúas
formacións con representación na corporación, senón que tamén se ten extendido a outras persoas
que veñen dedicando o seu traballo e esforzos ao espazo de Por Unha Marea na Vila de xeito
individual.

EU e Somos entenden que, chegados a este punto e a escasos catro meses dos próximos comicios
locais, a prioridade debe ser aproveitar as sinerxias creadas, que sen dúbida constitúen unha
interesante oportunidade de futuro para a esquerda vilagarciana. Ambos grupos entenden que dar o
pulo definitivo a esa xa prolongada senda de traballo conxunto debe ser, coas eleccións xa tan
próximas, o obxectivo no que se concentren todos os esforzos. Sen embargo, os tempos das
diferentes organizacións ata o de agora involucradas no espazo da Marea da Vila semellan non
acompañarse neste recta final. Un desaxuste ante o que os representantes de Esquerda Unida e
Somos Maioría fan un chamamento á altura democrática e á madureza política de todas as partes.
“Consideramos que todas as organizacións implicadas deben ser exemplo dun comportamento
exemplar e demostrar á cidadanía de Vilagarcía que todas e todos somos capaces de traballar
conxuntamento, como ata o de agora, aínda que a fórmula para as candidaturas sexa diversa”,
aseguran.

A pesar dos recentes acontecementos, tanto Esquerda Unida como Somos Maioría reiteran a súa
absoluta vontade de sacar adiante un proxecto conxunto e de seguir apostando por espazos de
unidade das forzas de esquerda o máis amplos posible, e onde teñan cabida todas as veciñas e
veciños; tanto os que poidan achegarse ao proxecto avalados por unha siglas como os que o fagan a
título individual. EU e Somos entenden que, nesta altura, a prioridade non pode ser outra que dar o
pulo definitivo a ese espazo unitario e de esquerdas que se veu fraguando durante meses de traballo
en común para dar resposta ás necesidades reais da cidadanía de Vilagarcía. Un espazo integrado
por persoas vinculadas a organizacións políticas e por outras independentes, que se dará a coñecer
publicamente con nomes e apelidos en breve.



Suscríbete a Arousa TV por correo
 
Top