0

Marea da Vila apoia as protestas sobre a deficiencias da biblioteca e lamenta que a busca doutro espazo para a biblioteca non estivera na axenda do goberno durante estes 4 anos


Nota de prensa: 
Vilagarcía de Arousa, a 27 de xaneiro de 2019. Marea da Vila apoia e parabeniza ás persoas convocantes pola protesta realizada na rúa durante este sábado para denunciar as deficiencias da biblioteca municipal. Accións como estas visibilizan numerosos problemas que non só dificultan as condicións de estudio das persoas usuarias, senón que ademais converten ao Salón García nun espazo infrautilizado. 4 anos de política superficial e de estética cuestionable.

Ante as declaracións do alcalde, quen recoñeceu as deficiencias do espazo e declarou que traballarían para “encontrar outra ubicación”, dende Marea da Vila lamentamos que a biblioteca e o cambio de ubicación non estiveran na axenda do goberno durante estes catro anos, e recomendámoslle ao alcalde que revise os sucesivos programas electorais socialistas para comprobar que a busca dun novo espazo para a biblioteca se empregou como reclamo electoral, pero esqueceuse cando tocou gobernar. As veces as solucións pasan polo cumprimento do propio programa electoral, algo ao que se renunciou durante estes catro anos, polo que tememos que as palabras do alcalde sexan a resposta ante unha protesta a poucos meses das eleccións, máis que vontade política. O PSOE demostrou durante este mandato que a súa é máis unha política superficial e de estética cuestionable, que unha política de transformación e mellora de Vilagarcía. 


Palabras moi desafortunadas por parte do goberno municipal 

Que o goberno cualifique como “pequenos detalles” as demandas das persoas usuarias, tras 4 anos de auténtica pasividade en torno á biblioteca, parécenos unha falta de respecto.
Tamén queremos lembrar á concelleira de cultura que a mención á sala de estudio do auditorio en verán, coa que pretende saír do paso esta semana, costoulle ao goberno infinidade de queixas e varios traslados, dentro do edificio, polas malas condicións. 


Unha mostra máis de que este goberno improvisa, e improvisa mal.

Dende Marea da Vila queremos insistir na necesidade de ter espazos públicos de convivencia e adaptados ás necesidades das persoas usuarias. Buscar e reformular a biblioteca para adaptala aos seus usos, é unha prioridade. Unha Vilagarcía onde se facilite o estudo, é unha Vilagarcía con futuro. Incidimos ademais na necesidade de propostas como a de onte produto dunha cidadanía consciente da necesidade de transformar a Vila para transformar as nosas vidas. 

Publicar un comentario

 
Top