0

Nota de Prensa de Marea de Vila 

Marea de Vila  aproba a folla de ruta das primarias cuxos resultados faranse públicos o próximo 18 de febreiro

Vilagarcía de Arousa, a 26 de xaneiro de 2019. Marea da Vila aprobou este venres a folla de ruta para as primarias de elección da candidatura e o cabeza de lista, cuxos resultados coñeceranse o próximo 18 de febreiro.

Marea da Vila naceu do consenso de distintas persoas que pensabamos que unha alternativa para Vilagarcía só se podería artellar sobre os principios de cidadanismo, cooperación, feminismo e radicalidade democrática. Foi así como durante os dous últimos anos Marea da Vila se visibilizou como un espazo vivo, a través dun traballo común do que resultaron posicionamentos, interpelacións, denuncias, actividades e múltiples iniciativas levadas ao pleno. Cabe recordar que as mocións do Museo de Ferrocarril, a do retranqueo do muro do Castro Alobre, a de Economía Social, a do Plan de Transporte Comarcal, a dunha Vila Segura para as mulleres ou a dos Petróglifos do Monte Xiabre, entre outras, xurdiron do espazo de Marea da Vila. Desta forma fomos esbozando o noso modelo de cidade, un que poña as vidas no centro das políticas.

Nacemos coa vontade de ser un proxecto amplo e diverso, no que todas nos sentíramos cómodas e para conseguilo foi, e segue a ser, necesaria moita xenerosidade e empatía e sobre todo prescindir das imposición. Este traballo frutificou na asemblea celebrada en setembro de 2018, á que asistiron máis de 50 persoas, e onde reafirmamos os nosos principios de municipalismo, transparencia, horizontalidade e radicalidade democrática que foron plasmados no manifesto aprobado o pasado mes de decembro. Así, calquera opción para configurar a lista e elixir á cabeza de lista que non sexa esa radicalidade democrática, suporía unha deslealdade con eses principios e, polo tanto, coas persoas que acreditamos neles.

Este 25 de xaneiro, a asemblea de Marea da Vila volveu ratificar os consensos comúns, aprobando un calendario de primarias e o regulamento das mesmas. Este proceso de primarias comeza o próximo sábado 2 de febreiro coa presentación do manifesto fundacional de Marea da Vila, e culminará o 18 de febreiro coa publicación dos resultados. A folla de ruta aprobada é áxil e garante a participación de todas aquelas persoas que compartan a idea de que a transformación de Vilagarcía debe vir precedida dun cambio nas maneiras de facer política.

Dende Marea da Vila continuamos a tender a man a todas aquelas persoas que queiran participar do proxecto, sempre que compartan os principios comúns. Isto é, asumir que Marea da Vila é un espazo de persoas, non de siglas, no que todas estamos en pé de igualdade, tal e como garante a celebración das primarias. Seguimos pensando que gañar a nosa vila depende de acadar un consenso o máis amplo posible, a unidade popular require de moita xenerosidade e renuncia, pero ao que non estamos dispostas é a renunciar ao proxecto e aos principios do mesmo por intereses partidistas.




Suscríbete a Arousa TV por correo

Publicar un comentario

 
Top